Camiño digno para a porta de San Pedro

Ricardo Polín

LUGO CIUDAD

ALBERTO LÓPEZ

06 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

E ra «el sitio de las Flores», acorde coa expresión do consistorio lucense de 1767, unha das crecidas ruínas que no xeral tiña a cerca romana. Xa se pregoa con fogos de artificio a urbanización do entorno de San Pedro, «listo para que o construtor actúe», despachado ás présas con máis ímpeto por facilitar o acceso aos centros comerciais e a xenerosa volumetría, que por prestixiar coa dignidade propia do lugar a entrada maior de Lugo. A prezada urbe á que a resurrección do Camiño de Santiago lle chegou gratis mercé ao esforzo de aqueles que o concello esquece na foto das solemnes efemérides.

Tal semella a presión, que atinadamente o Colexio de Arquitectos vén de constatar que os nosos gobernantes nin se molestaron en expor ao público as reformas do proxecto inicial e do propio PEPRI, mostrando máis preocupación por aliñar as beirarrúas coa traza das modernas vías e de encher os solares de formigón que de gardar fidelidade á calzada medieval e de amparar a súa identidade.

Igual sorte correron as vellas casas das Flores, a mazá do Madrileño. O magnífico escritor Carlos Casanova adiviñaba nelas un grupo de «ancianas aristócratas» que «solo cuando el sol se pone se atreven a hablar en voz muy baja con su vecina de enfrente, la muralla», lembrando con nostalxia a xente asomada polas xanelas e os cascos dos cabalos a repicar na pedra. E acordamos aínda ese último berro de Adolfo Abel Vilela a pedir amnistía para o señorial recanto na soleira que garda a hucha de pedra de Lugo e Porta dos Desexos sobre o brasón da lonxeva «ciudadela», baixo ese arco de sombra onde o poeta descubriu o Preguntoiro lucense, marabillosamente provinciano, fuxidío, coitado e inimigo da luz no Burgo Novo.

Eran as mesmas vivendas de feitura antiga que no século XVII se erguían orgullosas fronte ao Campo de San Roque e a afamada Fonte Nova de San Pedro, vítima fatal do vandalismo desde o Medievo, arredor do mercado de bois, das feiras francas e tabernas, de pousadas e fielatos na conexión lucense cos reinos de Castela e coa primeira corte do Lucus Asturum que xa ollaba a Compostela. E da banda de fóra da Porta, no campo que chamaban de San Pedro, vénme aínda o golpe seco do ferrador veciño entre a ermida do santo e o carballo grande da cortiña de Arrieta, terra dos «lavradores da Porta de San Pero».

No albor dos anos 90, tratamos de lle facer ver ao alcalde García Díez a necesidade de preservar os muros laterais que a tradición asentara no Carril das Flores, a cultura camiñeira, dando continuidade a esa arteria singular que subía da Chanca a San Pedro. Mais era preciso crer no futuro do Camiño Primitivo de Lugo que agora é patrimonio da UNESCO. Neses tempos do imperio do urbanismo salvaxe, só logramos colocar a pedra de Manuel Mayo arredor da Toledana, co texto auroral que redactei en 1996 e que a elegancia de Xerardo Pardo de Vera tratara de axustar mudando o actual «por aquí entrou o rei» nun atinado «por esta porta entrou», con esa sensibilidade que agora demandamos e que teima na crenza de Cunqueiro en que hai que entrar por nobres portas.

Que os redactores do proxecto do século XXI saiban que pisan terra sagrada na historia de Lugo. Nese itinerario con vocación de pasado, delgado e sinuoso, que a nosa xeración tivo a oportunidade reiterada de salvar da especulación. Da ponte da Chanca a San Pedro, seguindo a «viam qua..», e logo a «uiam qua...», e vencer o río saltando do Regueiro á rúa Vella da Ponte que agora porfiamos en arredar da historia.

Porque alí en San Pedro fixeron asemblea os símbolos máis nosos: o cepo do «pomerium», dentro de cuxa fronteira existía Roma; a emblemática picota ou rolo xurisdicional ergueito contra o sol; e toda a maxestade do vetusto carballo da porta de San Pedro, que García Conde remontaba ao bosque sagrado de Lugo, aquel que en 1518 xa «era árbol antiguo, tan frondoso y dilatado» que o doutor Pallares o vía capaz de resistir... «... aunque los malos temporales desgajaran sus ramas...». Pois iso!