A Deputación inicia os trámites para contratar as obras de desdobramento de Infanta Helena

La Voz LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

CEDIDA

As empresas interesadas teñen de prazo ata o día 27

03 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Deputación abriu o prazo para que as empresas interesadas en participar na execución do desdobramento e humanización da avenida Infanta Helena presenten as súas ofertas. O prazo conclúe o 27 de febreiro. A contratación dos traballos foi aprobado na Xunta de Goberno da Institución provincial. Para a execución das obras, a Deputación achega 1,4 millóns de euros.

Trátase da primeira fase do proxecto que vai do tramo dende o enlace da vía coa Ronda Norte ata a glorieta 25-N, situada xunto á área comercial e que «transformará unha das arterias de comunicación máis importantes de Lugo, cun tráfico diario superior aos 8.400 vehículos, cun índice de 711 vehículos pesados ao día, e moi utilizada polos peóns. Esta é tamén o principal acceso á zona norte da cidade e comunica o centro cos polígonos do Ceao e As Gándaras, e coa A-6 e a N-VI. O desdobramento e humanización desta vía suporá unha mellora substancial da seguridade viaria e accesibilidade de condutores, viandantes e ciclistas, pois pasará a ter entre dous e tres carrís de circulación por cada sentido, unha rotonda á altura da avenida Paulo Fabio Máximo, beirarrúas, iluminación led, mobiliario urbano e arboredo en todo o percorrido; asemade disporá de carrís para a circulación de bicicletas», segundo informaron fontes do organismo provincial.

O goberno de San Marcos está a traballar no proxecto de expropiación dos terreos necesarios para acometer esta primeira fase, que, cunha lonxitude de 532 metros, afecta a un total de 37 fincas.