O busto de Xoán Montes trasladarase á Praza Maior

Marta de Dios Crespo
MARTA DE DIOS LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Carlos Castro

Era unha reivindicación do tecido cultural da cidade dende hai anos e calculan que para abril xa estará na nova ubicación

30 ene 2019 . Actualizado a las 08:25 h.

O Concello de Lugo trasladará finalmente o busto de Xoán Montes á Praza Maior. Era unha reivindicación do tecido cultural da cidade dende hai anos e mañá a Xunta de Goberno local aprobará unha proposta para cambiar a localización da figura do músico lucense dende os xardíns de San Roque ao fondo da Praza Maior.

Carmen Basadre, concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua avanzou este martes o traslado, por ser este «un lugar rodeado de escenarios importantes na súa traxectoria vital, xa que o edificio do Seminario, hoxe convertido no colexio dos Padres Franciscanos, é onde se formou e aprendeu a ler e escribir música; no Círculo das Artes traballou como pianista, na Catedral foi mestre de capela e no templete da música cantou co Orfeón Lucense».

Unha vez que a Xunta de Goberno aprobe a proposta, que conta co visto bo do servizo municipal de Enxeñería, tramitarase unha proposta de gasto para acometer o traslado da estatua coa previsión de que en abril estea xa na Praza Maior.