Inma e Miriam

Xulio Xiz

LUGO CIUDAD

22 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Na sala de exposicións da Xunta en Lugo pode verse unha mostra de fotografías de Inma Purriños en homenaxe a Miriam Vázquez, digna de recoñecemento polo que supón de dedicación e sensibilidade solidaria.

Miriam foi unha rapaza lucense que morreu en novembro de 2018, vencida por un cancro que a atacou once anos antes, contra o que loitou denodadamente, con grandes victorias e media ducia de recaídas, que acabou derrubándoa.

Miriam contaba a través das redes sociais a grande loita de cada día, as grandes batallas, as fortes derrotas, ata chegar ao final, cando só tiña 25 anos. E foi bandeira na loita contra o cancro, sabendo que nunha guerra desigal coma esta hai que loitar ata o fin, que cada paso adiante é unha victoria para o afectado e un exemplo para todos os que o coñecen e o escoitan.

Inma Purriños soubo desta loita e desde o primeiro momento estivo ao lado de Miriam, axudándoa, fotografiando todos os avatares desta guerra desigual, recollendo pequenos e grandes momentos -todos son grandes ao fin- da loita pola vida, contra o inimigo implacable que ás veces xa é posible vencer.

O que Inma Purriños trae á Xunta en Lugo é a crónica gráfica dunha loita da que nos quedan imaxes épicas de batallas a cotío silenciosas, individuais, que grazas a estas fotos son impactos clamorosos dunha guerra que ao final non puido ser, pero valeu moito a pena para demostrar que o valor dunha rapaza, plasmado por unha fotógrafa vilalbesa, fará que Miriam nunca morra de todo, e siga a ser exemplo para todos de cómo a vontade nos fai grandes.

Ir ver esta exposición de Inma Purriños é imprescindible.