Xosé López Orozco: «Espero que se arquive todo pronto e que se faga xustiza coa xuíza»

Miguel Cabana
Miguel Cabana LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

OSCAR CELA

O exalcalde de Lugo defende que el sempre se considerou inocente

21 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O exalcalde de Lugo, Xosé López Orozco, é un claro exemplo de político apartado da súa carreira polas imputacións da titular do xulgado de instrución número 1 desta cidade, Pilar de Lara.

-Como se sinte agora que lle van arquivando casos?

-Sigo tendo a visión da inxustiza, porque sempre me vin inocente. Aí está precisamente a miña forza. Agora sigo esperando que se me arquive todo. E con respecto á xuíza, esperando que se faga xustiza.

-Custoulle a carreira política. E o custo persoal?

-O custo persoal foi enorme. É certo que recibín o apoio da xente, da familia, e incluso dos 14.000 votos das miñas últimas eleccións. Agora recibo moitas felicitacións cando se van arquivando casos, pero o custo é moi grande porque non hai peor cousa que verse acusado inocentemente, con filtracións, pedíndoche miles de documentos que van facendo un maremagnum co que se minora todo, e nunca acaba. E non so me vexo inocente eu, senón tamén o fiscal, cuxos informes levaron a Audiencia a arquivar o caso da grúa. Queda pendente o arquivo do Garañón, que xa pedimos, e o da ORA, que a xuíza mandou a Madrid, e agora non sabemos onde está.

-Cre que a Xustiza necesita reformas nestes aspecto?

-O que pasa aquí non está pasando en ningún sitio. Pero o sistema xudicial ten que ter mecanismos para non vulnerar os dereitos das persoas de forma tan grave.

-Agora que nota o apoio da xente, igual volve á política?

-Nunca esquecerei o apoio da xente. Pero tampouco esquecerei que os que me obrigaron a deixar a política aínda non me pediron perdón, e refírome a Ciudadanos, Esquerda Unida e o Bloque. Eu nunca deixei a política, porque o home é un animal político. Pero volver a ter algún cargo institucional, xa non, porque xa estou noutro momento da miña vida, e solo se vive unha vez.