A banda folk presenta o venres 14 en Lugo o seu novo disco, «Ribeira Sacra», con artistas convidados e performances
13 dic 2018 . Actualizado a las 14:13 h.
Bieito Romero lidera Luar na Lubre, unha das bandas de referencia da música folk do país, que ofrece un concerto o venres 14 en Lugo (Auditorio Gustavo Freire, 21.00 horas. Entradas desde 15 euros en ataquilla.com), no que presentarán o seu último disco, Ribeira Sacra. Este traballo foi gravado entre o 2017 e o 2018 no Mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos, Ourense), para poñer en valor, a través da música, a riqueza histórica, etnográfica, natural e monumental da Ribeira Sacra. O traballo recolle sons naturais, música tradicional, letras sobre feitos, personaxes históricos e lendas, textos na linguaxe dos afiadores (o barrallete)... e a colaboración de artistas como Víctor Manuel, Sés, a Coral de Ruada, Nani García, Brais Maceiras...
-Como será o concerto de Lugo?
-Será un concerto máis dentro da xira de presentación de Ribeira Sacra en Galicia, polo tanto, haberá artistas convidados, como Sés, Óscar Rosende, de Brothers in Band, Irene Cerqueiro, Bieito Romero (o meu fillo)... e tamén contaremos cunha performance a cargo do afiador Santiago Bonay e do alfareiro Agustín Vázquez. Ofreceremos temas do último traballo e combinarémolos cos clásicos de Luar na Lubre.
-Que ten de especial este último disco?
-É un disco conceptual, acerca dunha zona sobre a que non se fixera nada. A idea inicial era facelo sobre toda a Ribeira Sacra, pero son 23 concellos con moito material, así que nos centramos só na parte de Ourense. O traballo foi moi laborioso porque non había referencias bibliográficas, todo o recollemos nós, os sons, as letras... No disco contamos con numerosas colaboracións doutros artistas. Ademais, incorporamos algo novidoso: as sonoridades do lugar.