Juan Puchades

Xulio Xiz XORNALISTA

LUGO CIUDAD

29 nov 2018 . Actualizado a las 19:58 h.

Unha exposición adoita ser un acontecemento minoritario ao que acoden outros artistas, a familia e os amigos do protagonista. Iso pasou no Museo na inauguración da mostra «Modelando vidas», de Juan Puchades Quilis, xa que xunto ás autoridades, só había outros artistas, a familia e uns cantos camigos da familia. Por iso eramos varios centos, xa que dicir Puchades é dicir algo especial.

Ten obra na rúa do Progreso (Purificación de Cora); praza do Seminario (José Castiñeira) ou Praza do Rei (do Cura da Bicicleta, Antonio Gandoy). E máis tería se non se houbera retirado o monumento aos Caídos erguido en 1962 en Ramón Ferreiro, que por entender que se refire a determinados Caídos, agarda polo futuro en liberdade que toda obra de arte merece. Este mindoniense que naceu en Valencia en 1934, como lembrou no Museo, con 26 anos veu destinado como profesor ao Instituto San Rosendo de Mondoñedo. Viña por un ano e leva 58, porque alí atopou a Alicia Tella, namoraron, casaron, tiveron dúas fillas e a familia convertiuse nunha institución.

Puchades, todo afabilidade, arte e humildade, é o último daqueles lexendarios Urogallos, fala un galego-valenciano que o honra, e estivo rodeado de mindonienses e lucenses devotos da súa arte. Porque todos sabemos que a arte chama a atención das xentes da cultura, pero máis chama o carácter das persoas humildes que son grandes en esencia, que colleitan amigos por centos, e irradian unha aura especial que este dia no Museo se percibiu pola amizade de todos os que temos querencia pola familia deste gran artista que, ademais, é unha excelentísima persoa.