José Darriba froito da súa circunstancia

A vida dun home que foi labrego por obriga, pero con moitas inquedanzas


lugo / la voz

José Ortega e Gasset, na súa obra Meditaciones del Quijote, escribiu: «Yo soy yo y mi circunstancia y si no la salvo a ella no me salvo yo». O destino de cadaquén, a circunstancia, non depende ao cen por cento das decisións que tome un mesmo, senón do que outros poidan decidir por un, e diso que chamamos o destino. A circunstancia de José Darriba foi ter nacido en 1916 nunha aldea do concello de Lugo, en Penarrubia, parroquia de Orbazai, a uns oito quilómetros da cidade. O seu destino sería diferente se nacese hoxe no mesmo lugar, porque con esa circunstancia tería a oportunidade de estudar nun colexio da capital, cursar o ensino secundario e seguramente facer unha carreira universitaria. Pero naceu no primeiro cuarto do século XX, cando había que vir a Lugo nun burro ou andando por camiños e travesíos, e escribir á luz dun candil, se había cartos para mercar o gas.

Como non había escolas en todas as parroquias a súa instrución foi moi elemental, pouco máis que aprendeu a ler e escribir, posiblemente grazas ao seu avó que a fins do século XIX solicitou do Concello unha praza de mestre daqueles que non tiñan titulación e que lles chamaban do ferrado por gratificar os pais o seu traballo con centeo.

Como se pode ver en varios dos cadernos na exposición, escribiu as súas vivencias, pensamentos e preocupacións en verso e en prosa, en galego e en castelán, cunha letra moi ben feita, algo fundamental para a época que servía para dar a imaxe de ter certa cultura e poder traballar de escribinte. Pero de novo meteuse polo medio a circunstancia facendo que tivese que participar na guerra do 36, onde coñeceu a un alemán que lle falou da importancia do uranio e da enerxía nuclear. De regreso na aldea buscou o que el chamaba o «ouro verde», e atopouno na zona, pero non tiña a riqueza necesaria para unha explotación rendible.

Para satisfacer a súa ansia de saber mercou libros das materias máis diversas relacionadas: análise química, xeoloxía e mineraloxía, electrónica, mitoloxía, historia da igrexa, arqueoloxía, etcétera. El escribira nun dos seus cadernos que na vida quixo coñecer catro cousas: historia, ciencia, mecánica e electrónica. Esta diversidade de intereses correspóndense co feito de os que nacemos co signo zodiacal de xéminis parece que somos polifacéticos.

Como o mundo da súa aldea lle quedaba pequeno e cos seus veciños non podía falar das cousas que lle interesaban, a falta de Internet e das redes sociais que hai hoxe, construíu unha emisora e legalizouna para poderse comunicar co resto do mundo, agás cos que o réxime de Franco prohibía establecer contacto por ser comunistas, como todos os da Unión Soviética, Alemaña Oriental, Corea do Norte, Vietnam do Norte e a China. Cando se negou a seguir pagando a cota da URE, mandáronlle a Garda Civil para requisarlle a «emisorita», pero o que lles entregou foi a caixa da que penduraba un cable co enchufe, circunstancia que fai que a poidamos ver agora na exposición.

Un bo día, estando na Librería Alonso, na praza do Campo, de novo meteuse na súa vida a circunstancia, viu que un home mercaba uns lapis de colores para un neno e pediu unha caixa para el. E así comezou a debuxar os fragmentos de cerámica castrexa que atopaba no seu castro, e os trazos das rochas que consideraba que eran petróglifos. Despois deu o paso á pintura asesorándose co pintor Pacios e chegou a facer unha exposición.

Todas estas facetas dunha persoa que coñecín e tratei hai cincuenta anos, que foi labrego por obriga, por non ter a oportunidade de ser outra cousa, froito das circunstancias propias e alleas, podémolas ver na exposición do MIHL.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

José Darriba froito da súa circunstancia