Hai tres semanas, o historiador e catedrático da USC Justo Beramendi impartía unha conferencia en Lugo invitado polo Ateneo Galeguista para falar daquela data histórica. Destacou o contexto no que se celebrou aquela asemblea, cando o nacionalismo catalán mantiña un conflito contra o centralismo, e nacía así a Mancomunitat (1914). «Nese intre o nacionalismo galego estaba a velas vir», dixo Beramendi, ata que nacen as Irmandades da Fala (1916), que recolleu diversas tendencias: republicanos, agraristas, rexionalistas, católicos... «un universo heteroxéneo influenciado polos nacionalismos periféricos».
Como explicou un dos fundadores do Museo do Pobo Galego, este movemento ía máis alá de promover a fala ou o folclore galego, e quería ter unha base política, aínda que con pouco éxito electoral. Sería no verán de 1918, dixo Beramendi, cando chegou o primeiro paso para poñer orde nas Irmandades, e puxo de manifesto a importancia que tivo Vicente Risco, que acababa de publica Teoría do Nacionalismo Galego, para posicionarse de maneira máis clara; iso si, afirmou, á custa de marcharen os católicos e os rexionalistas, que montaron o Centro Regionalista.
É neste contexto cando se decide facer a Asemblea Nacionalista de Lugo, que prepara Lois Porteiro, que morre o 27 de outono. A asemblea, explicou Beramendi, centrouse na organización e na redacción do programa nacionalista. Lembrou que participaron as figuras destacadas do momento e do futuro do nacionalismo. Sinalou que foi o nacemento do nacionalismo galego, polo menos de xeito organizado e cuns conceptos ideolóxicos claros, especialmente o de Galicia como nación, que España é un estado de nacións que deberían entenderse e que Galicia tiña dereito á súa autonomía, con competencias propias, como as fiscais, administrativas, industriais, agrarias, educativas ou sociais, entre outras. A proposta de federación tería atribucións en moeda, relacións exteriores, dereitos fundamentais e forzas armadas.
Beramendi dixo que, como corrente política, a asemblea de Lugo foi un fracaso polo seu escaso arraigo ata 1930, pero si foi o embrión do Partido Galeguista, que nace a finais de 1931, e que tería máis calado, chegando ao seu punto máis álxido co referendo de aprobación do Estatuto de 1936, «primeira expresión oficial de autonomía para Galicia».