«Hai que estudar o alzhéimer nos inicios porque é onde está a clave»

Laura lópez LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

ALBERTO LÓPEZ

A investigadora do Campus de Lugo Mercedes Novo presenta hoxe no Divulga Terra os resultados dun estudo sobre a enfermidade

17 nov 2018 . Actualizado a las 14:40 h.

A profesora e investigadora Mercedes Novo Rodríguez, do departamento de Química-Biofísica da Facultade de Ciencias de Lugo, participa hoxe no III Divulga Terra coa charla Un pasiño máis na loita contra o alzhéimer, a partir das 19.00 horas na Casa do Saber. Na súa intervención compartirá os resultados da investigación que realizaron desde o citado departamento e que foi publicada este ano na prestixiosa revista Scientific Reports, de Nature Publishers. O estudo, realizado no marco da tese doutoral de Sonia Freire, estivo dirixido pola propia Mercedes Novo e por Wajih Al-Soufi.

-En que consistiu a investigación?

-Sabemos que a enfermidade neurodexenerativa de alzhéimer está relacionada coa aparición de pequenas aglomeracións de fragmentos dunha proteína natural, que produce o corpo, a beta-amiloide. Cando se xuntan os fragmentos, forman os agregados e pénsase que son tóxicos para as células, formando estes procesos dexenerativos. O que nós fixemos foi facer estudos in vitro, en laboratorio, para ver como se fai esa agregación e ver que cantidade é necesaria para que se volvan tóxicos.

-A que conclusións chegaron?

-Vimos que existe unha concentración crítica a partir da cal se produce unha agregación tóxica. É dicir, que por debaixo dun determinado valor non hai agregación, que é de onde vén a toxicidade, porque a proteína soa non é tóxica. Isto é un paso máis na investigación para comprender o alzhéimer. Xa outros estudos mostraron que nas persoas enfermas de alzhéimer o corpo produce a mesma cantidade de beta-amiloide que nunha persoa sa, pero elimínao peor.

-Isto é causante da enfermidade de alzhéimer ou é unha consecuencia?

-Nos estudos feitos a persoas con alzhéimer destacan uns agregados de beta-amiloides moi grandes e uns novelos dentro das células. Non se sabe con certeza que é primeiro. A formación de novelos si que cremos que se debe tamén á acumulación da beta-amiloide. O problema é que estes procesos vense en estados moi avanzados da enfermidade, cando hai estudos que indican que a doenza pode empezar vinte anos antes de que se manifesten os primeiros síntomas (perda de memoria, problemas coa linguaxe...) Hai que estudar o alzhéimer nos inicios porque é onde está a clave, pero é difícil chegar a esa información. Fan falta moitas máis investigacións.

-Medrou o interese nos últimos anos por esta enfermidade?

-É algo no que se investiga moitísimo, e un tema no que se implican investigadores da universidade, farmacéuticas... Onde se está incidindo máis é no diagnóstico precoz, para que se poida tratar de forma máis efectiva a enfermidade.

«Hai unha concentración crítica da proteína natural beta-amiloide a partir da que se produce unha agregación tóxica»

«O Campus e a investigación que se fai é moi descoñecida, e é importante que se dea a coñecer [...] porque está feita con cartos públicos»