Bonhomía

Xulio Xiz

LUGO CIUDAD

13 nov 2018 . Actualizado a las 12:16 h.

Nestes tempos difíciles a fe fraquea, porque o material varreu da escena ao espiritual, pero este problema debe ser só dos maiores, que temos a obriga ineludible de que os nenos conserven a fe en crenzas ou seres que avivan a súa ilusión, que hai que procurar que atrase o máximo a súa partida.

Os nosos nenos cren no ratiño Pérez, que gratifica as perdas dos primeiros dentes; Papá Noel, que desde hai un tempo deulle por visitar Galicia; e especialmente nos Reis Magos, aos que podemos ver e tocar nas Cabalgatas.

Pois para que os nenos sigan a crer en Papá Noel e nos Reis Magos, en Lugo naceu a asociación Bonhomía, que pretende que ningún neno quede sen un xoguete este Nadal, e buscan 600 persoas para que fagan realidade -con 30 € cada un- o soño dun pequeno que nin seus pais, nin Papá Noel ou os Reis Magos, poden cumprir.

Os nenos xa empezaron a escribir as cartas nas que piden o xoguete que ansían, e os que respondan á chamada de Bonhomía converteranse en cadanseu brazo amigo que leve ilusión a seiscentos fogares lucenses.

Nestes tempos nos que nos abafan con quen vai pagar o imposto sobre as hipotecas; se o Goberno conseguirá aprobar os próximos orzamentos; se morren emigrantes acotío ao tentar cruzar de noite sobre un plástico o estreito de Xibraltar; ou se o ex-comisario Villarejo se aproveitou de incautos gravando as súas vergoñas, que haxa iniciativas de xente de boa fe, para que os nenos poidan tamén sorrir polo Nadal, reconforta, aínda que sexa un parche mínimo no monumental pandeiro desfeito no que se está a converter esta sociedade.