Balado, xerente de Serfuja: «Queremos desmitificar o sector funerario e fuxir do morbo»

Félix Jorquera / L. López

LUGO CIUDAD

OSCAR CELA

Este sábado celebran nas Gándaras a primeira xornada de portas abertas dun tanatorio na provincia

07 nov 2018 . Actualizado a las 10:16 h.

Jorge Balado é o xerente da empresa Serfuja, que organiza para este sábado, día 10, na súa sede do polígono das Gándaras (Lugo), a primeira xornada de portas abertas que levará a cabo un tanatorio na provincia de Lugo. Serfuja, que cumpre 70 anos, é tamén un dos principais patrocinadores do Breogán.

-Por que decidiron organizar esta xornada?

-É un dos actos organizados con motivo do 70 aniversario da empresa. Queremos desmitificar o sector funerario e quitar morbo a certas cuestións. Trataremos de dar transparencia e naturalidade ao sector. O obxectivo é que o público en xeral vexa as instalacións, como se traballa e que pregunten as dúbidas sobre aquilo que lles xere incerteza. O tema da morte acostuma suscitar rexeitamento e moitos tratan de obviala.

-Todos sabemos que imos morrer, pero, temos claro o que queremos nas nosas últimas horas?

-Podemos atopar de todo. Hai quen escapa da morte, e hai quen ten todo organizado, que o ten comentado con xente de confianza, coa propia funeraria e que o plasma por escrito.

-En que consistirá a visita do sábado?

-Imos abrir as portas das instalacións, tanto a zona pública como a privada, a de traballo, para dar unha visión clara do que se fai. A iniciativa é pioneira, como tamén o é o edificio, moderno, luminoso... Tamén daremos a oportunidade de facer preguntas. O que máis adoita impactar é a sala de tanatopraxia, o forno crematorio, a conxelación... Do que se trata, en definitiva, é de explicarlles aos asistentes en que consiste un día de actividade habitual no sector, fuxindo de aspectos morbosos. Tamén se detallarán os recursos de atención á familia e diversos aspectos de xestión.

-Como hai que facer para participar?

-Haberá unha sesión ás 12.00 e outra ás 18.00 horas. A actividade é de balde e aberta a públicos de todas as idades. Os interesados en participar deberán inscribirse no teléfono 982 202 220 ou na web www.serfuja.es.