O Goberno cede un local á Asociación Española contra o Cancro de Lugo

La Voz

LUGO CIUDAD

Trátase da antiga sede do Instituto Social da Mariña, na Rúa Carril dos Loureiros

07 nov 2018 . Actualizado a las 22:01 h.

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu a entrega das chaves da antiga sede do Instituto Social da Mariña á Asociación Española contra o Cancro de Lugo, que disporá agora dunhas instalación céntricas e máis amplas para prestar os servizos de atención e asesoramento aos doentes de cancro. No acto, celebrado esta mañá na Subdelegación do Goberno, participaron o director provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social en Lugo, Juan José Rodríguez Gude, e a presidenta da Xunta provincial da Asociación Española contra o Cancro, Mari Luz Abella, así como a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez. 

A subdelegada do Goberno destacou que “é unha gran alegría para mín poder axudar a que se dea apoio nas mellores condicións e con todo o confort posible, ás persoas que sofren cancro e ás súas familias”. Para Isabel Rodríguez “con este acto dámoslle unha nova vida a un local que levaba varios anos sen utilizar, sofrindo o deterioro propio do paso do tempo. Penso que darlle un uso social é o mellor que podemos facer con este local que forma parte do patrimonio público, e a Asociación Española contra o Cancro de Lugo ten acreditada unha longa traxectoria de traballo ao servizo da sociedade lucense», destacou a subdelegada do Goberno. 

Pola súa parte, a presidenta provincial da asociación expresou a súa gratitude «no nome de todos os enfermos de cancro e as súas familias, porque este local servirá para facilitarlles o acceso ás axudas que nós lles podemos prestar». Mari Luz Abella tamén amosou a súa felicidade pola cesión dun local que «nos permitirá ampliar a actividade e a atención aos usuarios» e asegurou que dispór deste espazo «é un acicate para seguir  traballando».

 CASE 500 METROS CADRADOS

O  local, situado na rúa Carril dos Loureiros, número 17, de Lugo ten unha superficie de 477,56 metros cadrados, distribuídos en prantas baixa e primeira. Nel tiña a súa sede a Dirección Provincial do Instituto Social da Mariña ata que, en novembro de 2012, trasladou as súas oficinas a outro inmoble situado na rúa Músico Xosé Castiñeiras,

 A cesión do uso destas dependencias á AECC estipulouse nun acordo de colaboración que asinaron o pasado 26  de outubro o director provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social en Lugo, Juan José Rodríguez Gude, e a presidenta da Xunta provincial da Asociación Española contra o Cancro, Mari Luz Abella. No documento, establécese que a Tesourería Xeral da Seguridade Social cede o uso do local por un prazo de 3 anos e a Asociación Española contra o Cancro (Xunta provincial de Lugo) farase responsable do acondicionamento, instalación, conservación, mantenemento e demais gastos e impostos que lle correspondan, entre os que se inclúe o IBI.

A sinatura do acordo fíxose logo de que a Ministra de Traballo, Migracións e Seguridade Social aprobara no mes de setembro a cesión do uso do local propiedade da Tesourería da Seguridade Social.

SESENTA ANOS DE ACTIVIDADE

 A Asociación Española contra o Cancro, que este ano cumpre 60 anos de actividade en Lugo, conta con máis de 2.500 socios. A sede provincial da AECC conta con 4 profesionais e 117 voluntarios. Esta entidade dá apoio psicolóxico, atención social e orientación sanitaria a enfermos de cancro e os seus familiares. No seu programa de apoio e acompañamento fixéronse 3.874 intervencións, coa participación de 626 voluntarios e 137 profesionais. As súas campañas de prevención incluiron a realización de 33 charlas nas que participaron 8.520 persoas.