O misterio do pozo dos tres desexos

Xosé Carreira LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

F. A.

Antonio Reigosa, responsable de xestión cultural do museo, desvela os segredos do manancial do claustro do Museo Provincial

04 nov 2018 . Actualizado a las 22:16 h.

O Museo Provincial de Lugo pon en valor o seu pozo dos tres desexos. O responsable de xestión cultural deste centro museístico, Antonio Reigosa Carreira, desvela nun traballo algúns dos segredos e misterios desta construción. Din que quen deixa unha moeda no seu interior e pide tres cousas que se lle cumpre algunha delas. «De cando en cando, escóitaselle comentar a algún visitante que volve ao mesmo lugar porque se lle cumpriu todo o que pediu», conta Reigosa. Será necesario logo ir tentar ao misterio. O pozo atópase no claustro e ten moita historia.

A construción está no claustro do antigo convento franciscano de Lugo, na actualidade integrado no edificio que ocupa o Museo Provincial, segundo explica Reigosa. Ten, aproximadamente, uns sete metros de profundidade. O «brocal» é circular, feito de cantería con muro de cachotería e unha altura de 0,90 metros.

«Segundo información oral, facilitada por Jesús Amor Vázquez, operario que traballou para empresa Varela Villamor nas obras de consolidación e rehabilitación do claustro, a mediados do século XX, o pozo entón estaba tapado e inutilizado. Foi no transcurso daquelas obras anteriores á apertura do museo neste edificio en 1957, cando se construíu o “brocal” actual se lle puxo o remate co arco de ferro, obra esta dun “ferrallista” chamado Brea ,que tiña taller no Carril dos Fornos, próximo á rúa Nova e ao propio edificio do museo», explica Reigosa.

O autor do informe conta que apenas hai referencias documentais sobre a primitiva existencia do pozo, «aínda que podemos supoñer que mesmo puido existir desde a construción do edificio co obxectivo de atender as necesidades de auga dos seus residentes, primeiro dos frades franciscanos que ocuparon, posiblemente desde o século XIII ata a desamortización no século XIX, e despois, antes de converterse en museo, en 1957, como casa de beneficencia amais doutros usos esporádicos», apunta o investigador. Asemade explica que na actualidade a auga non é potable e non se fai ningún uso dela.

Só unha fotografía

Referencias documentais, constatadas non hai moito en escavacións arqueolóxicas refiren que no século XVIII se construíu un ramal do coñecido como acueduto do Bispo Izquierdo «para levar a auga ata un pozo situado, fose ou non o que nos ocupa, no convento de San Francisco».

«Para coñecer o estado do pozo do claustro en datas anteriores ao ano 1957 só dispoñemos dunha fotografía, realizada entre 1910 e 1915 para o editor de postais Rogelio Nomdedeu. Nesta imaxe obsérvase o pozo, coa roda da manivela para sacar a auga, xunto co que semella ser unha pía ou lavadoiro, cubertos por unha estrutura a dúas augas en dirección norte sur. No texto que aparece manuscrito no anverso desa postal figura o ano 1926. Segundo o investigador J. Reboredo Pazos, existe outra fotografía do ano 1929 coa mesma composición», explica no seu informe Antonio Reigosa.

O responsable do departamento de xestión cultural do Museo Provincial de Lugo, lembra tamén que a profesora Ana Goy fai mención doutra estrutura que existiu no ángulo noroeste e que constaba dun telladiño que se sostiña sobre piares de sección hexagonal. Posiblemente este alpendre puido servir para protexer unha fonte ou un pozo que non pode ser anterior á primeira metade do século XVI.