Todos queren lamber do pote (A propósito da Vía Künig e a cara fraudulenta do Xacobeo)

Ricardo Polín (historiador) FIRMA INVITADA

LUGO CIUDAD

Mapa de la Via Künig. El grupo que investiga y promueve esta ruta ha creado una página de Facebook, «Via Künig. Camino Francés por Lugo», en la que aporta alguna documentación, como este «Mapa de los Caminos de Santiago» realizado por el gran estudioso de los caminos, párroco de O Cebreiro y director de Xacobeo Elías Valiña, extraído de su libro «El camino de Santiago. Estudio histórico - jurídico», CSIC, 1965. En el ya se explica la Vía Künig y se dibuja su trazado, que parte de O Cebreiro en dirección hacia Lugo.
Mapa de la Via Künig. El grupo que investiga y promueve esta ruta ha creado una página de Facebook, «Via Künig. Camino Francés por Lugo», en la que aporta alguna documentación, como este «Mapa de los Caminos de Santiago» realizado por el gran estudioso de los caminos, párroco de O Cebreiro y director de Xacobeo Elías Valiña, extraído de su libro «El camino de Santiago. Estudio histórico - jurídico», CSIC, 1965. En el ya se explica la Vía Künig y se dibuja su trazado, que parte de O Cebreiro en dirección hacia Lugo.

03 nov 2018 . Actualizado a las 20:17 h.

Temos escoitado ás nosas xentes que «O mal adquirido, vaise por onde ten vido...».

Sabias palabras que nos lembran a existencia dunha faciana oculta detrás do que se vende como un éxito sen precedentes logo daquela operación mediática deseñada por Vázquez Portomeñe sobre a mesa dun café: transformar un fenómeno espiritual nunha transacción comercial á altura da Expo de Sevilla ou da Olimpíada de Barcelona, sen medir as consecuencias a longo prazo.

Nese empeño, fóronse deixando polo camiño algúns principios inherentes ao delicado mundo das peregrinacións e xa de volta, após un cuarto de século tropezando na mesma pedra e agora no cimento, toca recoller aquilo que se ten sementado con inxentes sumas de cartos procedentes das arcas públicas, por máis que aos dous únicos parámetros propagandísticos (baseados en exclusiva nas cifras de visitantes e o diñeiro que achegan) lles sexa cada vez máis complicado tapar as fendas polas que se escapa a identidade cultural dos nosos camiños tradicionais e a paisaxe cultural de un territorio pouco dado á masificación.

No obxectivo cego de atraer masas consumidoras, virouse a orientación do ben que promovemos e no canto de empezar por preservar con xeito o conxunto da camiñaría histórica do país como un ben cultural de seu que ten vertebrado o conxunto do noso territorio e do que a arribada inxente de turigrinos é debedora, no seu lugar sacouse da chistera unha sorte de estatus preferente para os camiños de peregrinación a Compostela outorgándolles a capacidade de monopolizar a totalidade da rede viaria tradicional, como un ente divino fóra do cal non hai futuro e fai frío. Empezouse a casa polo tellado.

Nesa postura condutista, deuse preferencia ás consecuencias tratando de facer esquecer as causas, de maneira tal que a estandarización, burocratización e «turistificación» da tradición secular consistente en camiñar cara occidente (na súa diversidade), acabou por lles outorgar toda prevalencia e exclusividade aos itinerarios que logran adquirir o rango legal de «xacobeos», mesmo reducindo a súa etiquetaxe a meros «camiños de Santiago», o que implica esquecer a súa condición usufrutuaria da complexa trama histórica das calzadas de longo percorrido coas que o noso pobo aprendeu a resolver os problemas de comunicación principalmente co resto de Europa e tamén co alén-mar, vías polas que xa ninguén dá un peso se non adquiren a condición previa e subxectiva de camiños oficiais a Compostela.

Foi unha lectura parcial e interesada que ten desvirtuado o mapa diverso da nosa camiñaría antiga, de tal xeito que mesmo quen solicita o estatus de vía xacobea para a mal chamada Vía Künig, implicitamente fai de menos a súa condición previa e esencial como camiño romano, medieval e real da Meseta para o Brigantium coruñés, por conta de se apuntar a toda costa ao rebumbio mercantil de última hora, aínda expoñéndose a que nesa tesitura xacobea quede reducida a Vía Künig a unha simple derivación secundaria e transversal á cidade lucense, segundo se aprecia no propio mapa de Elías Valiña que se exhibe como argumento (ao nivel do enlace por Friol a Sobrado dos Monxes que acaban de «modernizar»), fágaa un letrado monxe alemán do século XV ou un segador analfabeto da Terra Chá que no XIX regresa á súa casa logo de escribir coa súa fouce nos campos de Castela. (Curiosamente, o estudo das conexións transversais de carácter histórico estaba previsto nos propios decretos de delimitación, como corresponde ao tratamento integral do ben protexido que promove a UNESCO, mais para iso hai que empezar por respectar a mai do año).

«Todos queren lamber do pote» di unha fonsagradina á que lle acaban de encimentar o seu Camiño. E xa están a reaccionar as mancomunidades que temen que as novas demandas lles vaian baleirando o pote. Paolo Caucci ten resumido asisadamente os síntomas da tradición xacobea sobre as nosas calzadas: literatura odepórica abondosa, paso sostido de peregrinos e permanencia no tempo de infraestruturas específicas (os antigos hospitais non son patrimonio exclusivo de peregrinos), vías racionais de longo percorrido cara Santiago sementadas de toponimia camiñeira de carácter histórico, memoria dese tránsito na propia poboación...

Coa súa ambición política e comercial, a administración ten reducido a papel mollado a lei de protección dos camiños e a súa raíz histórica como ben cultural.

Os mesmos organismos que se mostran restritivos a abrir a espita de novas «oficializacións» nunha dinámica perversa que a propia Xunta ten propiciado, mesmo con trazas infernais que atacan o máis puro sentido común, non tiveron reparos en facer «patrimonio mundial» o Camiño Norte pola Ponte dos Santos levantada cara o ano 2000, ao tempo que reducía á marxinalidade a vía rexia interior pola beira do río Eo en dirección a Lugo.

Son os mesmos departamentos que se teñen posto de perfil cando os ventos da política sopran fortes e que tragan carros e carretas urbanizando e desvirtuando as vellas calzadas a través desa Axencia de Turismo á que lle entregamos boa parte da xestión do noso patrimonio económico, cultural e natural.

Agora que xa nos meteron neste bucle, recemos ao Apóstolo para que non pinche a burbulla cando este produto xa non teña interese e trate de volver ao seu, cando perda a súa esencia e non o recoñeza nin a mai que o pariu, cando non chegue o reclamo da propaganda e «bo camiño». Porque os nosos camiños vellos xa existían, e sempre van de fronte, cómodos e económicos; en función do punto de partida e do destino. Coa pulcritude da experiencia.

Se «todos queren lamber», deixen de lle dar pedradas ao pote.

O que pide estatus de vía xacobea para a Vía Künig fai de menos a súa condición previa de camiño romano e real

Coa súa ambición política e comercial, a administración reduciu a papel mollado a lei de protección dos camiños