A gandería de precisión, tema principal das xornadas técnicas de vacún de leite de Seragro

La Voz

LUGO CIUDAD

CEDIDA

02 nov 2018 . Actualizado a las 18:29 h.

O salón de actos do Pazo de San Marcos acolleu a presentación das XVI Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro. A presidenta, Noelia García Santoalla, repasou algúns dos puntos débiles e fortes do sector lácteo galego. Entre os fortes destacou a capacidade de traballo e a posta ao día dos gandeiros galegos e fixo fincapé na aposta polas novas tecnoloxías para aumentar a eficiencia das explotacións, todo un universo por percorrer que ofrece múltiples oportunidades.

 As xornadas comezarán coa intervención da veterinaria especialista en Bromatoloxía, Sanidade e Tecnoloxía dos Alimentos, María Somolinos, que ofrecerá unha charla sobre o tratamento intelixente da hixienización da auga dentro do concepto global de bioseguridade, de maneira que esta contribúa de forma satisfactoria á rendibilidade da explotación.

Pola súa banda, os técnicos de Seragro, Federico Romero Yuste, Víctor Fuentes Veiga, José Luis Míguez Vázquez, Albino Iglesias Varela e Patricia Gómez Presa profundarán no papel destas ferramentas en campos como a reprodución, a podoloxía, o muxido, a alimentación e a xestión a fin de camiñar cara a unha gandería de leite cada vez máis precisa e eficiente.

Xa pola tarde porase o foco en algúns dos desafíos aos que se enfrontan os gandeiros na actualidade. En primeiro lugar intervirá o doutor Bruno González-Zorn, que abordará as resistencias aos antibióticos, un tema de máxima actualidade con implicacións na saúde pública. O profesor de Sanidade Animal da Universidade Complutense de Madrid tratará de concienciar a técnicos e a gandeiros da importancia de facer uso responsable dos antibióticos para que estes continúen sendo efectivos. A continuación desenvolverase unha mesa redonda sobre a xestión dos xurros en Galicia, o seu uso actual e os condicionantes de cara ao futuro. Estará integrada polo investigador do CIAM Juan Castro Insua e o representante da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea Juan Álvarez de la Puente. O primeiro achegará unha perspectiva práctica, explicando unha serie de boas prácticas no manexo do xurro adaptadas ás nosas condicións de clima e solo, as cales resultarán máis eficientes e máis económicas que a inxección directa. De la Puente ofrecerá unha visión máis global da situación e avanzará as que serán as directivas da nova PAC en materia de protección medioambiental e os requisitos que terán que cumprir os agricultores para poder recibir as axudas.

De seguido celebrarase un encontro gandeiro no recibidor da facultade no que Pioneer presentará o seu novo servizo de mapeo e seguimento de parcelas vía satélite.

 O programa do venres iniciarase cunha conferencia sobre o impacto das coxeiras na economía e no benestar animal a cargo do xefe do Servizo de Ruminantes do Hospital Clínico Veterinario da Facultade de Veterinaria da UCM, Francisco Javier Blanco Murcia. O experto dará a coñecer os efectos económicos máis importantes das alteracións podais e os seus custos directos e indirectos. 

Seguirao no estrado o enxeñeiro Iván Ansia Vázquez, na actualidade asistente de investigación da Universidade de Illinois (EE. UU.) O tema da súa conferencia será a recría e, en concreto, falará do manexo nutricional e social das xatas lactantes para conseguir futuras produtoras de leite máis rendibles. Ansia centrarase na maximización da inxestión de alimento durante as oito primeiras semanas de vida e na “facilitación social” a través da cría en parellas ou grupos dende os primeiros días de vida.

O punto de vista máis internacional porao Carlos Á. Hernández Mariscal, xerente de Control da Produción da Asociación Holstein de México, cunha exposición sobre a eficiencia nos establos leiteiros. O relator presentará cifras dos custos de produción das ganderías mexicanas, falará de como logran unha maior rendibilidade e explicará os aspectos que teñen máis en conta para conseguir un maior retorno económico.

O veterinario e perito en sinistros pecuarios Javier Camba Méndez abrirá o bloque vespertino cunha conferencia sobre o valor da vaca morta e a utilísima información que se pode obter coa necropsia de cara a coñecer as causas e previr futuras mortes na explotación.

Coma sempre, haberá un espazo dedicado ás experiencias dos gandeiros. Esta vez desenvolveranse tres charlas sobre tres estratexias distintas para a produción de leite. Ricardo Gómez, de Outeiro SC, expoñerá a súa experiencia coa raza Jersey; Santiago García Souto (Finca La Asunción) falará sobre a súa vida dedicada á frisona, e Jesús Perfecto Fernández Pérez (gandería de Pazos SCG) explicará as características do sistema ProCROSS.

A clausura correrá a cargo da química e divulgadora científica Déborah García e que incluirá o tradicional brinde do leite.