«A autotutela é unha opción cada vez máis usada para evitar leas familiares»

Enrique Gómez Souto
enrique g. souto LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Carlos Castro

Mondelo apunta que elixir a quen se quere como titor en caso de incapacidade é unha posibilidade que dá tranquilidade

02 nov 2018 . Actualizado a las 21:28 h.

Decano do Colexio de Avogados de Lugo e presidente do Consello da Avogacía Galega, Félix Mondelo Santos, está convencido de que a fórmula de autotutela será cada vez máis usada polos lucenses para elixir ás persoas que os coidarán se chegan a unha situación de incapacidade. Na súa propia experiencia profesional, esta é unha opción legal á que recorren máis os residentes en áreas urbanas que nas rurais. Mondelo explica como é o perfil maioritario das persoas que se interesan por formalizar a escritura de autotutela.

-Como lle explica aos seus clientes que é a autotutela?

-É moi fácil. Moita xente, cada vez máis, ten a preocupación de como prepararse para o caso de que chegue a unha situación de incapacidade. Queren evitar que teña que ser un xuíz o que determine quen se fai cargo do coidado desa persoa. E queren tamén evitar posibles conflitos entre familiares. Entón recorren á opción da autotutela, na que, mediante unha escritura notarial, se determina quen será o titor desa persoa se chega á incapacidade. É unha figura legal moi utilizada.

-E tamén se pode usar en sentido, digamos, negativo: quero evitar acabar tutelado por tal persoa...

-Si. Por exemplo, hai que ten dúbidas de ser vai ser debidamente coidado polas persoas que, polo grado de parentesco, parece que deberían ser as que o coidaran. E o interesado igual pensa que o vai atender mellor pois, por dicir algo, un sobriño. Entón déixao así determinado na escritura de autotutela.

-Cal é o perfil máis xeral das persoas que acoden ao seu despacho para interesarse pola autotutela?

-De todo tipo. Pero o máis frecuente e que sexan persoas de entre sesenta e setenta anos. Tamén é habitual que este asunto se trate ao mesmo tempo que as disposicións testamentarias. É unha posibilidade legal que ten éxito porque pode evitar moitos problemas. Por un lado, pode aforrar discusións no seo da familia. Por outro, evita que a decisión de quen se encarga da tutela a teña que tomar un xuíz.

-No seu caso concreto, atende máis consultas por clientes de orixe urbana ou rural?

-Eu, en concreto, máis de procedencia urbana.

-Coincide con frecuencia a mellora dalgún dos fillos ca elección de titor?

-Depende de cada caso, pero non necesariamente. Por exemplo, o interesado pode pensar que ese fillo é demasiado novo e que diante dunha responsabilidade como é a titoría pode ter dificultades ou teme non estar ben atendido, e elixe a outra persoa.

-Que custe ten este tipo de escritura?

-Aproximadamente o mesmo que outros documentos similares.

«O máis frecuente é que sexan persoas de entre sesenta e setenta anos, máis da cidade que do rural»

«É unha posibilidade legal que ten éxito porque pode aforrar moitos problemas»

«Evita que a decisión de quen se encarga da tutela a teña que tomar un xuíz»