Música clásica, un concerto de Noemí Mazoy e teatro no cemiterio de Lugo

O Concello programa actividades culturais coincidindo co 70 aniversario do camposanto lucense


A edila de Cidadanía, Rosana Rielo, presentou as distintas actividades culturais que ten programadas o Concello de Lugo para conmemorar o Día de Defuntos no cemitero municipal de San Froilán, que celebra o seu 70 aniversario.

Para o día 1 de novembro, haberá música clásica ao longo de toda a xornada no camposanto lugués, que conta co mellor monumento arquitectónico e coa mellor actividade de portas abertas de cemiterios, en dous concursos da revista «Adiós Cultural», do 2015 e 2017, respectivamente.

Ao día seguinte, o 2 de novembro, celebrarase a tradicional ofrenda floral que a Corporación Municipal lle fai aos defuntos, a partir das 17.00 horas. O día 5 de novembro, o cemiterio municipal acollerá o concerto da soprano Noemí Mazoy, dende as 20.00 horas. É unha actividade gratuíta pero é necesario retirar invitación na Sección de Cemiterios, na Ronda da Muralla, 197.

A entidade local tamén preparou unha visita guiada teatralizada, a cargo de Achádego Teatro, o día 11 de novembro, dende as 17.00 horas, e a representación da obra de «Don Juan Tenorio», da man da Aula de Teatro da USC, o 27 de novembro, ás 21.00 horas. Para estas dúas actividades tamén é necesario retirar invitación.

Mercado das flores

Rosana Rielo tamén lembrou a celebración, unha vez máis, do tradicional Mercado das Flores na Praza de Abastos pola festividade do Día de Defuntos. Este ano amplíase un día máis, e será o luns, martes e mércores, 29, 30 e 31 de outubro, dende as 8.00 ás 20.00 horas.

Congreso Iberoamericano Cultura e Memoria

A edil tamén quixo recordar a celebración en Lugo do primeiro Congreso Iberoamericano Cultura e Memoria, un dos poucos desta temática e tipoloxía que se celebran en España. Trátase dunhas xornadas organizadas polo Concello e a USC, que versarán sobre «As perspectivas da morte» e que terán lugar os días 30 de novembro e 1 de decembro no auditorio do Vello Cárcere.

O programa abrangue distintos eixes temáticos: representacións da morte na historia, ritos funerarios e morte nas distintas culturas, antropoloxía da morte e grandes cemiterios monumentais. Todas as persoas interesadas en participar poden inscribirse, de xeito gratuíto, ata o 25 de novembro, a través da nova web do Cemiterio Municipal, cemiterio.lugo.gal.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Música clásica, un concerto de Noemí Mazoy e teatro no cemiterio de Lugo