Adolfo Abel Vilela: «A comisión de festexos recadaba cartos polos comercios»

O historiador Abel Vilela acaba de presentar a súa terceira achega ao «San Froilán dos devanceiros»


lugo / la voz

O historiador Adolfo de Abel Vilela é, sen o título oficial que lle nega a estulticia política, o cronista de Lugo. Nunha nova entrega das súas investigacións da historia da cidade, proporciona a súa terceira achega á colección municipal O San Froilán dos devanceiros: As festas finiseculares (1890-1900). Cando xa prepara un novo título, unha nova achega sobre a historia de Lugo, Abel Vilela fala da obra que acaba de presentar.

-Este traballo vén precedido doutros dous sobre as festas patronais de Lugo...

-É, dalgún xeito, a continuación de dous libros anteriores: As festas, exposicións e concursos e A orixe das festas modernas e contemporáneas. Chegaba ata 1889. Este libro que acabo de presentar está dedicado ás feiras finiseculares, ás últimas do século XIX.

-Por entón, o Concello xa reservaba cartos no seu orzamento para o San Froilán?

-Por entón, o Concello non tiña moi claro para que servían as festas. Non había unha partida específica para as patronais; había unha denominada «Festejos». Tan é así que no ano 1900, os munícipes tiveron que botar man de cartos consignados na partida «Imprevistos». Por certo, puxeron 1.500 pesetas, que xa por entón, e sendo para as festas patronais, non era moito.

-Como se afrontaba o custo das festas?

-Constituíase una comisión de festexos, formada por concelleiros, que pedía cartos para o San Froilán polos comercios.

-Supoño que a calidade do programa variaría moito dun ano para outro.

-Si, foron moi desiguais nesa década. As mellores foron as de 1894, que coincidiron coa inauguración do alumado público eléctrico. No 1895, encargáronlle a organización das festas a un carpinteiro (podemos dicir que externalizaron a organización) e foron un desastre. No 1896 duraron un mes, debido á coincidencia co II Congreso Eucarístico Nacional e a Exposición Rexional. En 1897 e 1898 case non houbo festas, porque os ánimos andaban decaídos polo Desastre.

-Había barracas que eran grandes atraccións...

-As que máis chamaron a atención no 1891 e 1892 foron as de feras vivas, de monsieur Cavanna, home que tiña a concesión do zoolóxico de Madrid. No 1898 había un barracón co cinematógrafo; o ano anterior fora a primeira proxección no Teatro Circo.

-Algúns anos houbo homenaxes nas festas...

-En 1894 foi a do bispo Aguirre; en 1899 houbo unha homenaxe ao músico Xoán Montes.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Adolfo Abel Vilela: «A comisión de festexos recadaba cartos polos comercios»