Andar por Lugo

Xulio Xiz

LUGO CIUDAD

09 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Gusto de andar por Lugo e contemplar o que hai ao meu arredor para sentir os cambios da cidade na que vivo desde hai cincuenta e catro anos. Ao comezo, todo era sorpresa para o rapaz que viña de Vilalba, e cada día descubría algo diferente. Logo, fun sentíndome na casa, vendo medrar este Lugo que case se duplicou neste medio século, e no que non deixaban de xurdir edificios novos, de chegar xente, de medrar dun xeito que coidabamos imparable.

Dez anos levamos de crise na que as grúas ficaron envellecendo erguidas; as obras esmoreceron paradas, con estruturas de formigón e ladrillo mortas, e se agora a construción parece que reacciona, que se volven comprar pisos ou alugalos, non se nota.

Vemos por toda a cidade negocios pechados que se venden ou traspasan; e pisos novos ou usados que se venden ou alugan, que no centro manteñen a imaxe habitual, pero canto máis lonxe están máis aparecen as reixas en fiestras e portas, e nos casos extremos o tapiado de ocos para evitar os “okupas” que alugan casas polas bravas resultando difícil para os propietarios expulsalos, aínda que a lexislación apunte a un maior rigor no tratamento deste fenómeno.

Pasear polo Lugo de fóra de murallas, ofrece panoramas como o do centro Abella, no que só quedan vivos os cines e un ximnasio e os servizos funcionando semellan facelo nun edificio fantasma. Se animar a cidade depende de que os políticos se movan, traballo teñen os que pretendan gobernarnos no inmediato futuro. E todo non depende deles, pero si a vixiancia, planificación, ordenación e promoción dunha cidade deprimida que precisa maior atención.