«O problema do xornalismo en España é que vai por detrás da sociedade»

La Voz

LUGO CIUDAD

04 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Lombao pertence a unha xeración de profesionais que participaron na construción dunha televisión e dunha radio públicas na España democrática dos setenta e oitenta. Moitos botan de menos o rigor e a seriedade, sen esquecer o entretemento, dos programas e informativos daqueles medios públicos. Lombao ten claro cal é o modelo a seguir: «O que se fai en Francia, onde ves un debate na televisión e comprobas un nivel de contertulios excelente, os mellor preparados, os que teñen máis autoridade, mentres que aquí estamos instalados no insulto, nos gritos...». E amplía a reflexión: «Nos medios ten que haber de todo, entretemento e información, e unha cousa é que o espectador se queira relaxar e divertir, e outra que a maioría da xente guste de modelos como Gran Hermano ou Sálvame. E este nivel, Lombao, que foi un referente na información parlamentaria, tamén o eleva ao que se escoita hoxe no Congreso. «Agora parece un milagre escoitar a un deputado como os de antes, dos que aprendías. Hoxe é unha vergonza».

Xornalismo para convencidos

E sobre a profesión en xeral en España, Lombao, que di que o primeiro que fai polas mañás é ler varios xornais, sinala que «a prensa escrita vai por detrás da sociedade, digamos que os medios están moi ‘influenciados’ e vense certas historias que te preguntas ‘¿como é posible?’. O xornalismo debe ir por diante ou polo menos ao carón da xente».

Manuel Lombao destaca que en xeral, na prensa estranxeira, cada medio ten unha liña editorial e o lector sábea claramente, pero escapan do que si se fai nos xornais en España, onde o envoltorio das noticias fanse para os lectores convencidos e dan caña aos que non son dos seus, e isto dáme pena».

Lugo, 1943. Licenciado en Ciencias da Información e en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid.

Logo de traballar en Radio Lugo (1966-1967) e Radio Popular (1967-1971) marchou a Madrid, onde foi xefe de programas musicais na Cope (1971-1975) e logo entrou en RNE en 1976. En 1983 foi nomeado director de RNE en Galicia e en 1986, director de TVE en Galicia. Logo foi subdirector de «Informe Semanal» e desde 1988 a 1996, director do programa «Parlamento» e cronista parlamentario. No 2004 convértese en director dos centros territoriais de TVE. No 2008 foi nomeado director do Instituto Cervantes en Brasilia.