«Cando me marchei de Lugo para Madrid ía chorando polo camiño»

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

O xornalista falará este serán das lembranzas da súa nenez e sobre unha cidade «que levo dentro»

04 oct 2018 . Actualizado a las 23:44 h.

Manuel Lombao é un lucense máis, criado no ambiente do Lugo dos anos cincuenta, escuro e represivo, pero á vez solidario entre os veciños dos barrios, no seu caso na avenida da Coruña e logo na Milagrosa. A súa paixón pola radio foi tan grande que un día decidiu dar o salto a Madrid, onde formou a súa familia e a súa traxectoria profesional máis coñecida, pero nunca se esqueceu da súa orixe. Hoxe, ás oito e media do serán, desde o balcón da Casa Consistorial inaugurará as festas de San Froilán

-Para vostede será especial o día de hoxe.

-Non vou negar que tiña moitas ganas de dar o pregón. En Lugo lera un da feira do libro e outro cando a Confraría da Borriquita cumprira 50 anos. Tamén me chamaron de numerosos puntos de España, con anécdotas simpáticas, como o pregón da festa do marisco en Alcobendas, que fixen cantando, ou outro en Marín que tamén cantei; ou na festa do viño de Borja, que o fixen todo o pregón en verso. Pero en Lugo será especial, porque todo é algo moi persoal.

-Falará dos seus recordos de San Froilán?

-Cheguei a vivilo no antigo campo da feira, con aquela imaxe das mulleres cocendo o polbo, e unha vella que facía cantos de cego cunha zanfona. Despois as atraccións foron a Santo Domingo, e pasaba horas diante da tómbola do xamón e vía aquela olas e pensaba: ‘que ben nos viviría para a nosa casa!’. E estaba a muller barbuda ou o Teatro Arxentino, no que conseguía entrar gratis porque axudaba ao pallaso da porta.

-Supoño que esas festas eran unha illa nun Lugo escuro.

-E que o San Froilán era unha explosión de luz, música e diversión nun ambiente que no resto do ano era de silencio e de certo medo. Iso si, teño un recordo da solidariedade entre os veciños, había unha irmandade tremenda en tempos de falta de medios.

-E como se evadía?

-Os da miña xeración recoñecen que o cine e a radio foron fundamentais. A min a radio volvíame tolo e o cine tamén. Eu ía moito ao Victoria, en García Abad. Choráballe moito a miña nai para que me deixara ir... Falarei destas cousas no pregón, pero teño pendente escribir un libro de memorias sobre como era aquel Lugo.

-Do que tivo que irse...

-Miña nai tiña familia en Madrid e era unha oportunidade. Meu pai morrera con 56 anos co que miña nai tivo que facer milagres para poder pagarme os estudos. Cando lle dixen de ir a Madrid díxome: ‘A quen me vou arrimar eu?’. Propúxenlle vir comigo a Madrid e cando saímos de Lugo iamos chorando os dous, fómonos chorando polo camiño.

-Na capital non lle foi mal...

-Tiven moita sorte, porque era o momento clave para irse. Se nese momento houbese unha facultade de Xornalismo ou unha televisión en Galicia, ao mellor non me ía. Conseguín entrar en RNE e en TVE, pero sempre seguín vinculado con Lugo, axudando a persoas que mo pediron porque un é de onde nace. Levo a cidade dentro e veño moitas veces, para visitar a tumba do meu irmán, que morreu hai ano e medio, e dos meus pais.

-E como ve Lugo hoxe?

-Encántame e cada día o vexo mellor. Creo que ten oito ou dez aspectos que debería celebrar: peonalización, restos arqueolóxicos, Arde Lucus, novas esculturas, a gastronomía... Fago de embaixador con todos os meus amigos. Hoxe mesmo traio xente de Barcelona, Madrid, Santiago ou A Coruña, e iremos comer o polbo despois do pregón.