O campus investiga novos fertilizantes e ferramentas para mellorar os cultivos do norte de España

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

03 oct 2018 . Actualizado a las 09:46 h.

Investigadores do Campus Terra de Lugo traballan na mellora do rendemento de cultivos extensivos no norte de España, a través do emprego de novos fertilizantes e de ferramentas de diagnóstico intelixente que non danen o medio ambiente.

O traballo desenvólvese no marco do grupo operativo de carácter supra autonómico Diagrint, unha estrutura de nova creación financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e o Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama), ao abeiro do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020.

Elvira López Mosquera, Adolfo López Fabal, Miguel Fernández Labrada e Socorro Seoane Labandeira, investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, participan tamén en Diagrint. Este grupo ten previsto, segundo informaron desde a USC, empregar «fertilizantes novos e máis eficientes, ao tempo que prestarán asesoramento ao agricultor a través de ferramentas intelixentes que posibiliten un diagnóstico máis rápido e fiable, a fin de favorecer a redución de custos económicos e os posibles danos ambientais». O traballo levarase a cabo, principalmente, na cornixa cantábrica, e contempla actuacións en diferentes localizacións de Galicia, Asturias, Castela e León, País Vasco e Navarra.

A experiencia dos agricultores

As investigacións realizadas no marco deste grupo operativo orientado á mellora do rendemento de cultivos extensivos en España posibilitarán unir e compartir o coñecemento científico co coñecemento empírico que posúen agricultores de distintas zonas do país: «Esta colaboración permitirá o deseño de pautas de fertilización baseadas no coñecemento, ao tempo que posibilitará probar novas fórmulas encamiñadas a mellorar a nutrición dos cultivos e os seus rendementos sen danar o medio ambiente», continúan desde a USC. Outra das vantaxes deste traballo será a obtención de información práctica, en condicións reais e de xeito específico, para cada área ou zona de traballo.

O grupo operativo Diagrint está coordinado pola empresa galega Soaga e nel participan os grupos de investigación da USC en Agronomía e Calidade de solos, con sede na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, a firma vasca Blue Agro S.L. e a Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga). O grupo nace co obxectivo de contribuír a mellorar o rendemento de cultivos extensivos en España.