«A curta fala de como é vivir cunha máscara»

maría m. guntín / s. v. LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

O director Brian Rodríguez fala da súa nova curtametraxe, «Maullidos de látex», e reflexiona sobre o seu proceso de traballo

29 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Brian Rodríguez é creador audiovisual e membro da compañía teatral Microefectos Dramatúrxicos. Presenta Maullidos de látex, unha curtametraxe escrita e dirixida por el mesmo e co-protagonizada por Olalla Caamño e Javier Miranda. Foi seleccionada para o Festival Internacional de Curtas de Comedia (RIR), que se celebra en Allariz a semana que ven.

-Fáleme un pouco da súa historia persoal.

-Eu licencieime en Humanidades e tiña un resquemor cinematográfico, polo que decidín dar un paso máis e, fai oito anos, facer o Máster en Creación, Desenvolvemento e Comercialización de Contidos Audiovisuais. Empecei a dedicarme de forma profesional a esto e agora mesmo Maullidos de látex é a miña cuarta curtametraxe.

-Entón comezou a súa carreira cinematográfica.

-O Grotesque Film Festival animoume a facer os primeiros traballos, que foron Cambio de especie, a escena publicitaria Italo Disco Death e De fiestuki con la peñuki, que mostra unha visión irónica das redes sociais e das aplicacións para ligar.

-Como xorde a idea para facer Maullidos de látex?

-Nunha xuntanza de cine con amigos do gremio de Lugo e dos arredores. Ese día había unha intervención teatral e merquei unha máscara de gato e notei que tiña algo de especial, unha presencia única. Pregunteime como sería o día a día dunha persoa que levase esa máscara e non a sacara nunca.

-En que lugares gravaron e como foi ese proceso?

-A curtametraxe dura dez minutos e gravamos con máis de 20 compañeiras e compañeiros afincados en Lugo e que viven aquí. Hai moitas escenas que se ambientan na facultade de Administración e Dirección de Empresas, no campus; nas inmediacións do paseo do río Rato; no anfiteatro que está preto da Biblioteca Intercentros e en varias ubicacións do barrio de O Castiñeiro, entre outras moitas.

-Que espera desta curtametraxe?

-En primeiro lugar penso que será moi axeitada para subir ás redes porque despois dunha proxección privada animáronme a non subila a Youtube e moverme máis ben entre festivais.

-Imaxino que a finalidade será a de atopar o seu lugar nesto do cine.

-Espero que me posicione un pouco máis no panorama audiovisual. O estreo vai ser en Allariz, a semana que ven. A ver que pasa.

-Conte un pouco de que vai a trama, pero sen «spoiler».

-A curtametraxe fala de como é vivir con esa máscara. É unha decisión da que a persoa que a leva se intenta convencer. Di que é normal pero a xente rise dela e fanlle bromas porque o ven coma unha alma perdida, obsesionada ca súa máscara. Julián é o personaxe que quere aparecer ca máscara ata no seu DNI, algo imposible, e por iso contrata a unha avogado. Hai un equilibrio entre a xente que o apoia e a que fai bromas sobre a máscara de látex.

-Que máis lecturas se poden facer do argumento?

-Eu falo máis da identidade pero pódese pensar nunha visión irónica de reivindicacións coma o xénero, aínda que non era a miña intención. O transfondo é inquietante e dramático.

-Canto durou o proceso enteiro?

-Foi un traballo de reflexión que comezou en outubro do ano pasado. Apareceu unha nova idea que decidín facer. Foi dende finais de xuño ata comezos de xullo, durante dúas semanas. Un traballo exprés para a primeira versión que amosei aos amigos.

-Cales foron as primeiras reaccións deses amigos?

-Chamoume a atención un amigo que falou da obsesión da xente para poñer etiquetas. Podería ser unha inversión dos tópicos da masculinidade na súa condición de gato.