Velutinas

Xulio Xiz TRIBUNA

LUGO CIUDAD

28 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Sabiamos que a picadura da abella é molesta pero a dunha véspora/avispa podía ser mortal. O problema agudízase coa invasión de especies foráneas como a velutina, especialmente agresiva, que chegou a Galicia e 2012, atopando excelente lugar para multiplicarse ata converterse en praga e problema, do que aínda non nos damos boa conta.

Ata hai pouco tempo, o problema foi esencialmente rural, pero estase a estender tamén ás zonas urbanas, e na capital lucense xa temos varios exemplos de colonias destes virulentos animais, que só atacan se se ven en perigo pero poden interpretar como perigoso calquera movemento humano preto do avispeiro.

Os servizos da Xunta están a combatela con todos os seus efectivos e forzas, e eu teño proba da súa efectividade nun caso que me afectou, pero as institucións deben acometer conxuntamente a loita contra este gravísimo problema que xa causou varias mortes de persoas alérxicas ao mortífero picar destas avispas.

A alcaldesa de Lugo, con motivo da anual cerimonia do voto a San Roque lembrouse da velutina pedindo a intercesión do santo neste gravísimo problema. Polo que logo souben, ao BNG municipal ?que non asistiu á cerimonia do voto- pareceulle mal a invocación, pedindo ?antes ca oracións- esforzo municipal e doutras institucións para erradicar o problema.

Certo que o tema é material, con perigo grave para todos, polo que o que hai que pedir é información detallada sobre a praga, e loita decidida das institucións -central, autonómica e municipais- para erradicar o mortífero inimigo que se nos meteu na casa con vocación de permanecer e proliferar.