«En Lugo non hai amor pola lectura»

maría m. guntín / x. m. p. LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

ALBERTO LÓPEZ

Coas sesións de contacontos Alba Barral loita para que os nenos se expresen libremente

21 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Alba Barral estudou Maxisterio Infantil e reivindica a importancia dunha materia pendente en moitos centros de ensino, a intelixencia emocional. A necesidade de educar en valores e de inculcar a lectura entre os máis pequenos son outras das reflexións de Barral, que se define como unha apaixonada dos nenos.

Esta semana imparte contacontos de 11.30 a 13.00 horas na libraría Soños de Papel, unha das últimas inauguracións da cidade no eido cultural.

-Cal é o trasfondo dos contacontos?

-Este chámase La hucha de los besos. O que eu quero é ensinar o importante que son as mostras de cariño e que os nenos se expresen a través de bicos e abrazos. Facer contacontos non é ler libros, son máis ben o fondo.

-O amor pola lectura é algo que parece vai desaparecendo.

-Quero facer que aos nenos lles guste a lectura porque aquí en Lugo non hai moito amor por ela nin está moi inculcada. O que si é certo é que moitos dos nenos que veñen despois repiten.

-Como docente, que clase de libros recomenda para os máis pequenos?

-Disney é un conto que deben coñecer pero que non recomendaría mercar aos pais a día de hoxe. Agora están ao noso alcance outro tipo de exemplares que axudan co tema da intelixencia emocional, falan da importancia da coeducación e sitúanse fóra dos estereotipos de xénero.

-É tarefa dos centros fomentar isto, non cre?

-Si, pero búscase máis aprender contidos. Aprender a ler monosilabicamente é un atraso, e a partir de cinco anos os nenos están demasiado metidos xa nos coñecementos. Os métodos varían moito dun colexio a outro, pero a boa noticia é que cada vez hai más profesores que meten os libros dentro da súa forma de dar clase. As bibliotecas están nos colexios porque así o esixe a Xunta, non por fomentar a lectura. Todo o que se lles ensina aos nenos con fichas pódese facer con contos para traballar algúns aspectos persoais que están esquecidos.

-Os libros como compañeiros é a súa filosofía.

-Así é. Paréceme moi importante a intelixencia emocional porque se un neno non está posto niso, non ten sentido que lle metan contidos. Pódense superar moitos problemas a través da lectura.

-Como por exemplo?

-Para min, os libros sempre foron os meus compañeiros de viaxe. Non se lles fala aos nenos sobre a morte, algo que é un erro. Hai un libro que se chama Para siempre, de Camino García, que fala disto e que trata moito as emocións. Non se poden meter os nenos dentro dunha burbulla, e isto é algo que fai a xente que ten máis medo ca os propios cativos.

-O papel perde a loita contra a tecnoloxía.

-Eu creo que a loita do móbil contra o libro é algo que vai gañar a tecnoloxía. Hai xente que ata te mira raro cando falas de regalar libros aos nenos. E incluso hai outra que segue pensando que é algo de nenas. O que si é verdade é que hai unha brecha xeracional dende hai seis anos. Para min, os nenos que len valen o triplo.

-Como leva a cabo as sesións de contacontos?

-Os nenos están sentados sobre un mosaico de letras; eu ando de pé, despois póñome con eles e tamén utilizo o encerado. Teño unha especie de disfraces que tamén utilizo durante as funcións. Ao rematar os contacontos, facemos murais, xogos para interactuar ou actividades que traballan directamente coas emocións dos cativos.

-Sen dúbida, os nenos que veñen aquí desenvolven outras capacidades.

-A maioría son nenas, e o exemplo vale moito. A lectura é un hábito que deben ter dende pequenos. As pequenas teñen máis afán pola lectura, quizais porque os libros se orientaban máis cara ás princesas. O que é innegable é que os rapaces que veñen aquí van ter outras capacidades totalmente distintas a aqueles que non o fan.

«Disney é un conto que deben coñecer pero que non recomendaría mercar a día de hoxe»

«As bibliotecas están nos colexios porque así o esixe a Xunta, non por fomentar a lectura»