Un tesouro musical descoñecido en Lugo

maría m. guntín / s. v. LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Carlos Castro

O centro é único en todo o mundo e contén o obradoiro histórico e orixinal do artesán Paulino Pérez

19 ago 2018 . Actualizado a las 22:26 h.

O Centro de Artesanía e Deseño é un tesouro agochado pero dun valor difícilmente calculable. Está un pouco oculto e difícil de atopar, ao baixar a Rúa Chantada, despois de pasar a Polícia, á esquerda. Pero o asombro ao chegar ao peche que garda o edificio, que podería ser coma os demais, merece a pena ao chegar aos obradoiros. Música, traxes tradicionais, libros, cerámica e cestaría escóndense no centro.

É difícil escoller, pero neste caso o proceso artesanal para construír instrumentos musicais cobra a importancia que merece. A recreación do obradoiro histórico de Paulino Pérez coas súas ferramentas e útiles de traballo é o punto de comezo para o seu neto, Luciano Pérez.

A colección musical abrangue instrumentos, obxetos sonoros e arquivo documental, que oferta un servizo de consulta, préstamo e asesoramento técnico. «Algúns alumnos veñen recopilar información para os seus traballos do máster», explica o profesional. Moitas das obras obtéñense por intercambio con outras bibliotecas, xa que a escasez de servizos especializados é un problema que afecta a moitos ámbitos.Ás veces é difícil obter información nalgunhas temáticas.

A música galega

O Centrad é un lugar dinamizador, que achega aos seus visitantes a un momento clave para a cultura galega: o que permite descubrir e lembrar a súa música. Luciano Pérez investiga, cataloga, restaura e xestiona. Un sinfín de tarefas que deixan entrever a falla de persoal para traballar na colección, que está dentro da rede museística.

«Como humanidade estamos perdendo todos os valores porque todo está mercantilizado e informatizado», reflexiona Luciano Pérez, que encabeza a terceira xeración de artesáns na súa familia. A primeira sala ten como protagonistas a Antón de Marcos, Faaustino Santalices e Paulino Pérez, pioneiro na recuperación de instrumentos. Destaca unha zanfona que data de 1950. Gubias e trenchas encabezan o obradoiro orixinal de Paulino, que fixo algunhas das primeiras gaitas con aneis de latón. A partir de aí, pasou ás astas das vacas que, a partir dos anos 80, trouxo de Portugal pola desaparición da vaca marela galega.

Vacío educativo

Que a música e a artesanía non teñen o seu espazo no ensino non é un segredo. Esto é algo que xa acontecía antes. «Fun autodidacta porque era a única vía para formarme que tiña», explica Luciano Pérez. O Centrad ofrece catro modalidades de visita: libre, guiada, técnica ou activa para os docentes que así o soliciten. Tamén sería interesante reflexionar sobre a necesidade de achegar estos obradoiros aos nenos e adolescentes de Lugo, que poderían coñecer de primeira man as zanfonas nalgunha visita guiada que oferten os colexios.

O coiro cobre os instrumentos de percusión entre os que se poden apreciar pandeiros cadrados que chegan de lugares como Eslovaquia ou Marruecos. Dunha gaita sanabresa tamén pode intuírse un son impresionante. A música é a taquigrafía das emocións, que dicía Tolstoi.

«Un día ía pola rúa e paroume unha persoa para ofrecerme unha vitrina de Cantigas e Aturuxos que databa de 1915», conta Luciano Pérez, sinalando o preciado obxeto, que se atopa na sala que alberga os demais instrumentos de percusión.

Sala do Pórtico da Gloria

Instrumentos de todas as familias que están representadas no Pórtico da Gloria, da Catedral de Santiago de Compostela, enchen a sala como un proxecto aínda por continuar. O estudo e a investigación da música medieval en Galicia precisan tamén dunha colección de réplicas que oferte un servizo de préstamo. Oito instrumentos poderán saír do centro baixo pedido.

É importante apostar pola cultura sen prexuízos nin medo. O descoñecemento é algo normal e o primeiro paso para lograr aprender é aceptalo, asumilo, e solucionalo. Os obradoiros deste centro son unha boa opción para solucionar este tipo de problemas e coñecer unha mostra musical pioneira en Europa e no mundo. O Centrad ten as súas portas abertas de luns a venres, dende as nove da maña ata as dúas do mediodía. A entrada é gratuíta.

Punto táctil

Como aliciente, os discapacitados visuais tamén teñen o seu lugar nesta mostra, que ten un punto táctil habilitado para que coñezan un pouco máis do Centro de Artesanía e Deseño.

O centro conta cunha recreación dos instrumentos do Pórtico da Gloria