«Isto da pintura é a miña equipaxe»

maría m. guntín / m. c. LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

ALBERTO LOPEZ

Miguel Anxo Macía leva máis de 50 anos pintando, foi docente ata o 2015 e a día de hoxe dedícase a organizar toda unha vida, marcada pola súa gran paixón

04 ago 2018 . Actualizado a las 12:05 h.

Miguel Anxo Macía naceu na Praza do Campo de Lugo en 1955 e leva o apelido de súa avoa materna. Estudou Belas Artes en Vigo e licenciouse na especialidade de Pintura en Valencia. Con máis de trinta premios e unha traxectoria de máis de 50 anos de exercicio profesional, a vocación queda clara a través do sorriso do artista, que leva orgulloso un dos seus cadros baixo o brazo. A escultura e o gravado son outras especialidades que, aínda en menor medida, practica o pintor. Cores vivas e expresivas, realismo e figuración son algunhas das características dos cadros de Macía.

-Vostede é de Lugo, supoño que os motivos terán tamén relación coa cidade.

-Nacín na Praza do Campo e pinteina de principio a fin. Ao ser de Lugo, pinto a Lugo. Levei un premio no 2001 por unha obra na Praza Maior, aínda que retratei outras rúas de Lugo como por exemplo a Rúa Nova. Teño máis de 100 cadros inspirados na nosa cidade. Ás veces pinto Lugo con cores agresivas pero, sobre todo, fágoo como o sinto e como o vexo.

-Que hábitos leva un pintor coma vostede?

-Son constante porque, se falamos dunha materia artística, aínda que teña un pequeno don, é necesario traballala. Iso é o que me permite evolucionar. Adoito ir case todos os días ao estudio. Podo botar cinco horas nel, aínda que non sempre traballando, tamén penso e dedícome un pouco a organizar a miña vida anterior. Teño moitos cadros e obras sen colocar.

-Fáleme da evolución que percibe en vostede mesmo.

-Dende pequeno fun un neno normal sen unha habilidade consciente para debuxar. Empecei a facelo aos 13 anos. Convencín a meus pais para que me mercasen un curso por correspondencia e foi aí cando me iniciei en óleo, acuarela e pintura acrílica, entre outras.

-Como se inspira á hora de pintar?

-Son pintor porque a natureza me fixo así. Síntome un pouco como un transmisor e eu fun o primeiro sorprendido e admirador da miña obra, parecíame un milagre pintar como o facía. Algunhas veces parto de debuxos pequenos en folios que vou traballando máis. Os motivos, dentro da figuración galega, xorden, fago o que me apetece nun proceso moi libre.

-Cal é a maior satisfacción que percibe se bota a vista atrás?

-No día a día, ver esa obra rematada e que cada cadro é distinto. Sempre penso que o máis interesante é o último que estou facendo. Os cadros de atrás valóroos de xeito distinto polo paso do tempo.

-Como se define?

-Un pintor que ten a Galiza como fonte de inspiración. Estudei en Valencia e ofrecéronme traballo alí pero non aceptei, porque sería un inmigrante frustrado.

-Cales son os motivos principais das súas obras?

-As xentes do mar e do interior, gústame A Mariña de Lugo e tamén as Rías Baixas. Cando tiña 17 anos impactoume a imaxe duns nenos descalzos. Antes, a imaxe dos mariñeiros era dramática. Vía ás mulleres enloitadas que quedaban soas con rapaces pequenos.

-Como docente, tivo a sorte de coñecer de primeira man o talento de futuros artistas?

-Nos máis de 30 anos que dei clases tiven catro alumnas boas, todas mulleres. Pensei que me ía atopar con máis xente. Estamos en decadencia e a época que nos toca vivir é mala. Faltan ideas e falta literatura. Da pintura non se pode vivir.

-Pinta para os demais ou para vostede mesmo?

-En principio, pintar é un medio de expresión individual, pero ao mesmo tempo ten que ser agradable. Hai que guiarse pola intuición, porque bioloxicamente temos uns criterios que nos din se algo nos gusta ou non. Unha obra boa atrae a todo o mundo e a todos os niveis, non hai dúbida ningunha.

-Algunha vez pensou en deixalo?

-Nunca o pensei. As obras feitas son un impulso para seguir. Pintei o meu primeiro óleo aos 14 anos. Isto da pintura é coma unha equipaxe que vai comigo. Houbo unha época na que me apoiei en Ortega y Gasset para lembrar que eu son eu e as miñas circunstancias, porque tamén tiven uns pais e teño unha familia que son os meus motivos.

-Sen intentar encadralo nun estilo, defina a súa obra e fale do tempo que lle leva un cadro.

-A miña pintura é solta, de pincelada espontánea, expresionista, con cores fortes. Pintando tendo a ser máis agresivo do que son na realidade. O tempo é difícil de determinar, podo levar máis de 30 cadros ao mesmo tempo porque hai que deixalos secar.

-Continúa expoñendo, pero ten máis proxectos en mente?

-Chegado a esta idade gústame ir aos sitios onde me invitan e reciben cos brazos abertos. Aos organismos oficiais non lles interesa nada relacionado con exposicións ou coa poesía. Se tivese nacido na época de Sorolla sería máis fácil destacar e exercer como pintor, as cousas foron moi distintas ao que son agora.