A grada sur do Anxo Carro segue sen ser legalizada segundo Lugonovo

La Voz LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

OSCAR CELA

01 ago 2018 . Actualizado a las 22:14 h.

O grupo de Lugonovo rexistrou no Concello de Lugo varias preguntas para tratar de saber cal é a situación urbanística na que se atopa a grada fondo sur do Anxo Carro. No mes de outubro, a institución municipal fixo un decreto obrigando ao Club Deportivo Lugo a solicitar a correspondente licenza nun prazo de tres meses. «E xa van dez, e a estrutura segue en pé, coa mesma aparencia de provisionalidade, e sen que polos departamentos municipais correspondentes teñan constancia de que pasara petición algunha», explicou onte o concelleiro Víctor Álvarez.

A orde estaba dirixida ao Club Deportivo Lugo como promotor e a Xunta como propietaria da instalación para que nese período, ou ben empezaran a tramitación da autorización ou presentaran a comunicación previa «para as obras feitas sen título habilitante, co risco de ter que derrubalas, e asumir o seu custo, no caso de non axustarse aos tempos».

«Moito nos tememos que nin unha cousa nin outra. Semella que o goberno aplica unha dobre rapadoira para esixir o cumprimento da normativa municipal en función de onde partan as actuacións», expresou o membro de Lugonovo.

Prazo de 4 anos

Lembran desde Lugonovo que a bancada foi instalada en 2013 por un prazo de catro anos que xa rematou no mes de xuño. «Agora pretendemos saber que pasos se levan dado, dende entón para legalizala», explicaron en Lugonovo.

O concelleiro Víctor Álvarez, dixo que querían saber os motivos dos retrasos, se a administración local lle impuxo algunha sanción ao Lugo ou, se no caso de que a entidade deportiva fixera uso de interpoñer recursos, ben de reposición ou de carácter administrativo, cal foi a resolución e cal a capacidade de manobra da que dispón na actualidade o Concello.

Álvarez opina que esta non sería a primeira «prebenda institucional da que se beneficiaría a sociedade anónima capitaneada por Tino Saqués». Lembra que a entidade disporá de dúas hectáreas de terreos públicos en San Fiz para crear unha cidade deportiva.

«Non podemos esquecer tampouco que existe outro proxecto, dotado con orzamento europeo e que, se non se corrixe, pretende gastar case un millón de euros nunha pasarela faraónica sobre a N-VI que máis que achegar a cidade ao río, dando servizo a toda a veciñanza,, parece destinada a mellorar os accesos ao Anxo Carro», indicou o concelleiro de Lugonovo.

Na contorna do campo de fútbol, actualmente abandonado no que a accesos se refire, tamén están planificado un paso soterrado por debaixo da N-VI para garantir a seguridade dos viandantes.