Manolo Hurtado: «Quero un Lugo aberto e moderno»

LUGO CIUDAD

OSCAR CELA

Mantén que a cidade non medra como debera desde fai décadas e quere que esperte

30 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Manolo Hurtado é un atleta lucense, especialista en probas de fondo e gran fondo, que de momento nunca mostrara inquedanzas políticas, por iso a súa confirmación como case seguro cabeza de lista por Compromiso por Galicia na cidade de Lugo supuxo unha sorpresa. O seu alcume deportivo é Hurácan, aínda que mantén que na política vai camiñar paso a paso.

-¿Cando decidiu dar o salto a política?

-Sempre tiven inquedanzas, pero manifesteinas só en privado e non é público. Agora atopei un grupo no que me sinto realmente cómodo e por iso decidín dar o paso ao fronte.

-¿Cal foi o motivo de entrar en Compromiso por Galicia?

-É unha formación galeguista, de esquerdas e progresista, tres aspectos que encadran coa miña maneira de ver as cousas. A todo iso sumo o que xa dixen que atopei un grupo de xente co que estou ben, algo que penso que é moi importante.

-¿Custoulle dar o paso adiante?

-A verdade é que non, xa o levo pensando fai tempo e agora considero que chegou unha boa oportunidade de facer algo por Lugo e decidinme a entrar en política.

-¿Como valora a situación da cidade?

-O estado de Lugo en xeral considero que non mellorou case nada nas dúas derradeiras décadas. Vivimos actualmente nunha das cidades máis atrasadas a nivel galego e nacional. Outras cidades medianas como Ourense, Santiago ou Pontevedra medraron e a nosa non e polo tanto temos o reto de converter Lugo nunha localidade moderna.

-¿Ten algún plan para mellorar a cidade?

-Por suposto, hai moito por facer e temos un proxecto para construír un Lugo aberto e moderno que chame xente e se converta nunha referencia para o turismo. Escoitei ao concelleiro as cifras anuais de visitantes e parecéronme ridículas considerando o potencial e a riqueza de todo tipo que temos para atraer xente. Por outra banda, tamén é fundamental lograr que o tráfico deixe de ser caótico, algo complicado de entender nunha cidade pequena coma Lugo que tería que ser moi accesible e cómoda para a xente.

-O seu alcume e Huracán ¿Vai entrar como un fenómeno meteorolóxico tan forte na política?

-Non, quero facer as cousas ben e para iso penso que temos que ir paso a paso. É verdade que son unha persoa pasional, pero as cousas hai que facelas ben e traballando moito, dando pasos pequenos, pero seguros cara adiante.

-¿Pensa que pode trocar cousas desde o Concello?

-Estou convencido, senón non non daría este paso. En Lugo e na súa xente hai moito potencial para facer cousas boas e positivas e temos que intentalo.

-¿Qué opinión ten do deporte lucense?

-É un caos no que saen ben as cousas grazas a iniciativa privada,. Hai equipos na elite como Breogán, Lugo, Emevé ou Ensino, o cal é moi positivo para que os menores os tomen como referencia, pero despois non hai base nin canteira detrás. Os equipos profesionais hai que defendelos e intentar que sigan medrando sen ningunha dúbida, pero hai que facer o que podamos para que o seu traballo sexa un espello para a base.

-¿Deixará o atletismo pola política?

-De ningunha maneira. No meu caso só veño a política disposto a traballar uns anos polo meu concello, pero en ningún momento penso que poida ser a miña profesión. A miña idea principal é que Lugo mellore.

-¿Conta xa con un equipo para levar a cabo o seu proxecto?

-Polo momento temos formado un equipo de traballo pequeno que imos aumentando pouco a pouco e co que consideramos que vamos a facer unha lista que vai ilusionar aos veciños. Agora estamos centramos en falar coa xente e coñecer os seus problemas. No noso caso só pensamos nos lucenses e en sacar a cidade de vinte anos de parálise. Para iso queremos contar con persoas de fortes valores e traballadoras que deixen todo por Lugo.