José López Fernández: «Está por estudar onde e como se fabricou tanto cal como se usou na Muralla»

Enrique Gómez Souto
enrique g. souto LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

kike

López, responsable de Resconsa, empresa que leva 30 anos facendo obras de restauración no monumento, destaca que para determinados aspectos construtivos se elixía na propia canteira a pedra a usar

16 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non é arqueólogo, pero é un dos homes que mellor coñecen algúns aspectos construtivos da Muralla de Lugo. O arquitecto técnico José López Fernández (O Incio, 1954) é administrador, conxuntamente con Manuel Figueroa, da empresa Resconsa, que fai obras de restauración do monumento romano desde hai 30 anos. Dalgúns dos aspectos construtivos da Muralla fala López para La Voz de Galicia, ao mesmo tempo que relata algunha anécdota de toda unha vida dedicada á rehabilitación do patrimonio.

-Moitas obras fixo a súa empresa na Muralla...

-Eu empecei na empresa de Vicente Quiroga, ao que teño un gran aprecio. Levaba nove anos nesa empresa e xa estivera en obras da Muralla, concretamente nun dos cubos da Porta Falsa. Resconsa constituíuse hai 31 anos e sempre traballamos na restauración do patrimonio, despois de conseguir a necesaria clasificación do Estado. O primeiro encargo que nos fixo a Administración foi a igrexa de Hospital de Incio. Practicamente traballamos de maneira ininterrompida na Muralla, salvo nunha ocasión que adxudicaron as obras a unha empresa de Madrid, que fixo unha oferta económica moi baixa, e ao final tivemos que acabar nós o traballo. Con Resconsa unha das primeiras obras foi a reparación que se fixo na Muralla á altura dos Franciscanos.

-O enfoque das obras de reparación/rehabilitación do monumento cambiou moito con respecto ao que se fixo durante algún tempo...

-Si. Houbo unha fase na que o que se facía era, sinxelamente, reparar aquilo que caía. Despois, que é como se fai agora, tratouse de ir por diante dos derrubes.

-Houbo algunha constatación que motivara o cambio de enfoque do traballo no monumento?

-Durante moito tempo, a Muralla reparouse pensando que por dentro era de terra. A raíz de que un arqueólogo me falara en Santiago das escaleiras dun castro, escavouse e apareceu a primeira escaleira. Ó sacar a terra empezamos a ver que eran recheos, nalgúns casos, con moita historia. A última escaleira que se descubriu estaba selada desde o século V.

-A base de traballar na Muralla e de observala, supoño que irían descubrindo algúns secretos da súa construción...

-Nós tivemos uns oficiais canteiros extraordinarios (en Lugo había moitos canteiros e picapedreiros). Pois, observando cun canteiro unha escaleira que non acababamos de conseguir que quedara como era, démonos conta de que os romanos elixían a pedra na propia canteira para que se adaptara ao que necesitaban, para facer o que querían facer en cada sitio.

-Como especialista no mundo da construción, ¿que aspectos chaman máis a súa atención na Muralla?

-Moitos. Por exemplo, o feito de que foi construída por tramos. En moitos tramos. E, basicamente, que o traballo debía estar repartido entre traballadores especializados e outros que non o eran tanto. Pode que os especializados construíran os paramentos exteriores. E o traballo na parte interior puido correr a cargo dunha masa de traballadores sen especializar ou menos especializada. Estes o que facían era tirar una capa de pedra (cada pedra quedaba segundo caía), duns trinta centímetros de grosor. Por riba desas pedras, botaban morteiro de cal aérea (o que necesita aire para fraguar), e despois outra capa de pedra e seguidamente outra de morteiro de cal.

-¿Está estudada a procedencia do cal? Porque deberon de ser necesarias grandes cantidades, tendo en conta ademais que a Muralla estaba encalada.

-É un aspecto que está moi pouco estudado, e no que seguramente afondarán os especialistas nalgún momento. Si, foron necesarias moitas toneladas de cal. E iso esixe fabricalo e transportalo. Para fabricar tanta cantidade, tivo que ser necesario queimar moita madeira. É incrible que todo este proceso non deixase unha máis fonda pegada social.

-A medida que se avanzou no traballo de rehabilitación foron cambiando algunhas consideración sobre este monumento. ¿Aínda queda algún misterio por aclarar?

-As obras na Porta Miñá, por exemplo, deron moita información aos arqueólogos sobre como era o complexo defensivo que constitúe a Muralla. E hai algúns aspectos, como o sistema de recollida de augas pluviais que se viu no seu día na Porta de Santiago, no cubo da dereita, entrando na cidade, que tamén é moi interesante e que aínda non está de todo claro como funcionaba. Moi curiosa é tamén a colocación dalgunhas pedras na Porta Miñá; hai algunhas delas, intercaladas coas outras, que están «de pé», non ao xeito ao que se poñen habitualmente. É un recurso do sistema construtivo que algúns chaman bizantino. Desde xeito, esas pedras operan como verdadeiras vigas, que dan estabilidades ao muro.