«Faremos actos nos barrios para coñecer as necesidades»

Enrique Gómez Souto
Enrique G. Souto LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

kike

Pérez di que tenden a man para unha candidatura plural «e potente» para as eleccións locais

10 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Podemos mantén un perfil baixo en Lugo desde que meses atrás decidiu desvincularse de Lugonovo. O seu voceiro, José Manuel Pérez Afonso (Lugo, 1979) sostén que o círculo lucense de Podemos está a traballar «facendo o que fixemos sempre, que é intentar dar resposta ás necesidades da cidade».

-A nivel nacional teñen un acordo marco con IU para as municipais, pero en Lugo eu non os vexo moi compenetrados...

-Nós tendemos a man a unha fronte ampla progresista para facer unha candidatura plural, potente. O importante son as políticas que poden cambiar para mellor a vida á xente. No círculo de Lugo vese con moi bos ollos ese acordo marco

-Cantos inscritos ten Podemos en Lugo?

-Somo ao redor de 800.

-Romperon con Lugonovo. Que opinión ten do traballo deste grupo?

-Eu creo que será a xente a que xulgue; nós, se marchamos foi porque tiñamos opinións diferentes sobre cal debe ser o centro do traballo.

-E do goberno local, que pensan?

-Creo que o traballo que fai é francamente mellorable. Penso que precisamos un cambio en Lugo. En certas prácticas, o PSOE no goberno local, en todos estes anos, asemellouse moito ao que sería un goberno do PP.

-Que están facendo agora que comeza a precamapaña para as eleccións locais?

-Andamos nunha rolda de contactos co asociacionismo. Pretendemos facer un par de actos nos barrios de Lugo para facer un estudo das necesidades reais dos cidadáns. O que temos claro e que faremos un programa realizable.

-Teñen algún local na capital?

-Actualmente reunímonos nun garaxe, propiedade dun inscrito. Tiñamos un local social, que nos deixaban, ata que o dono precisou del. A partir do mes que ven estaremos nun local novo de coworking asociativo que vai abrir na Rúa Milagrosa.

-Sempre falan de políticas que melloren a vida das persoas. Pero en política é relevante o cómo, que responde a ideoloxía. ¿Onde está Podemos hoxe?

-Discursivamente, non podemos vivir ancorados en etiquetas. O que queremos é que a xente viva mellor e, se o conseguimos, que lle chame como queira.