«O atletismo deixa moito mono»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

CARLOS CASTRO

José Seoane correu na nenez e volveu correr na xuventude tras uns anos dedicados ao fútbol

25 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Lévase o atletismo no sangue, no cerebro? Con exemplos como o de José Seoane, case se pode considerar segura esa posibilidade. Comezou a correr sendo un neno, no colexio de Casás. Por que? «Porque me gustaba moito, saíame de xeito natural», di con bo humor. Semella que naquel colexio, nos anos nos que el era alumno, outros nenos tiñan una predisposición semellante: alí, por exemplo, coincidiu con Gustavo Platas, que desenvolveu unha longa traxectoria en longas distancias. De todos os xeitos, Seoane afirma tamén que garda un bo recordo do profesor de Educación Física daqueles anos escolares.

-Un que non sexa moi afeccionado ao atletismo pode citar nomes dalgunhas figuras de hoxe ou de hai anos porque os seus éxitos son ou foron importantes. Citará seguramente velocistas ou xente de medio fondo. Pensa que foi vostede algo invisible por practicar os 3.000 metros obstáculos?

-Non. En 3.000 metros obstáculos España conseguiu boa resultados, mesmo en xogos olímpicos. Non tiven esa sensación de invisibilidade.

-Por que segue un correndo, tendo en conta que as perspectivas económicas do atletismo están lonxe das que se poden acadar noutros deportes?

-Eu, por sorte, sempre gañei algo por bosas e por fixos, aínda que non era evidentemente o motivo para seguir. Con 14 anos tiven que decidir: fútbol ou atletismo. Pasei catro anos dedicado só ao fútbol, no Lugo. Volvín aos 18; botábao bastante de menos.

-Que sente un ao deixar de correr?

-Correr é unha sensación tan fonda que cando non o fas, bótalo de menos. Todos os días o recordo. O atletismo deixa moito mono.

-Teno vostede?

-Moito. Non hai día no que non me erga ou non me deite pensando no atletismo.

-Que pensa cando vai por unha rúa ou por unha estrada e ve xente adestrándose?

-Recordo moitas cousas. Teño compañeiros de traballo cos que comento os tempos que fan, os ritmos... De feito, botas iso de menos.

-Podería ser Lugo hoxe unha potencia en atletismo tirando proveito dos atletas que tivo hai anos ou décadas?

-Lugo podería ser unha potencia grandísima. Estudei na Coruña, e para un atleta é un sitio complicado. Aquí hai camiños, hai moitas posibilidades... Sempre pensei por que non saía máis xente, porque en medio fondo ou en fondo saíron atletas de verdade. Hai unha falta de formación; creo que non hai formadores bos. Tamén é certo que o atletismo está mal pagado: adestras a un equipo de fútbol de categoría rexional e dáche para vivir, mentres que no atletismo é complexo. É complicado vivir do atletismo; calquera rapaza que queira chegar a algo ten que ir lonxe.

-Dálle pena que a cidade viva esa situación?

-Sinto tristeza por algunhas cousas que se fan. O reflexo está en que moitos rapaces deixan de facer atletismo polo ambiente que viven.

-Ten iso solución?

-Si. Cando a xente pense nas persoas e non en sacar un Usain Bolt. Xa sairán. O que non pode ser é que haxa xente que non quere saber nada deste deporte. E tamén volvo ao tema das axudas: está claro que é un deporte mal pagado; a min ofrecéreronme ser adestrador, e dixéronme que non me pagarían.

Hai equipos que son coñecidos por un deporte, polo xeral o fútbol, e teñen outras seccións. O Real Madrid e o Barcelona son un exemplo se falamos de baloncesto; o Celta pode servir se nos referimos ao atletismo. Polo Celta pasaron rapaces lucenses, Seoane entre eles, e o caso do clube vigués podería trasladarse a Lugo.

Unha situación que podería mellorar se o Clube Deportivo Lugo se implicase

Seoane cre que o atletismo podería acadar un importante pulo se o Clube Deportivo Lugo estendese a súa actividade a ese deporte. Fala do caso vigués con coñecemento de causa: «Tiven a sorte de vivilo. A sección de atletismo [do Celta] está moi vencellada coa cidade; foi unha sorte estar alí», afirma.

Un ambiente individualista e con envexas e unha necesidade de formar persoas

No atletismo hai moitas envexas. Así o recoñece Seoane: «É un deporte individual. O individuo é egoísta. Ás veces, deséxalles mal aos outros, e non te decatas de que o que consigas depende de ti», di. Por outra banda, subliña que se é interesante formar atletas, moito máis o é formar persoas.

Estes anos, no presente e nas expectativas dun vindeiro futuro, no atletismo lucense salientan dous nomes, Miguel González e Adrián Ben. Seoane non ten dubidas de que chegarán a algo; en realidade, ten outra opinión: «Xa chegaron. Chegar, chegan moitos; o difícil é manterse», explica. Pero engade que ambos os dous teñen moitas capadidades.