Alumnos de As Mercedes crearán unha cooperativa para medir e reducir o radon

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

LAURA LÓPEZ

Un equipo do ciclo de Eficiencia Enerxética gañou un premio polo seu proxecto empresarial

06 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O ciclo de Eficiencia Enerxética do CIFP As Mercedes, de Lugo, continúa gañando premios polos proxectos que desenvolven ao longo do curso. O último galardón en sumarse chegou desde o Certame Cooperativismo no Ensino 2018, da Xunta, que outorgou a un equipo do ciclo 4.500 euros. Os premiados son os alumnos Alonso Vázquez, Aitor Rego e Marta López, que presentaron un proxecto empresarial para crear unha cooperativa que se dedique a facer medicións de radon en edificios e propoñer sistemas para reducir a presenza deste gas. Nos próximos meses teñen previsto poñer en marcha a empresa. O proxecto, «Radon Innova Solucións (Radis), S. Coop. Galega», conseguiu o primeiro premio ao mellor proxecto empresarial cooperativo.

A idea de poñer en marcha esta cooperativa xurdiu polo risco que hai en Galicia coa presenza do gas radon, máis frecuente en zonas graníticas, segundo explican os alumnos. O uranio, presente no granito, degrádase producindo o gas radon, inodoro, incoloro e insípido, que se filtra desde o subterráneo a través da auga e as gretas das casas. Unha exposición prolongada a este gas conleva graves riscos para a saúde. Alberto Pereira, profesor do ciclo, explica que o perigo aumentou nos últimos anos porque as vivendas «son máis estancas, buscando precisamente a eficiencia enerxética; antes había máis ventilación».

Sensor e sistema de ventilación

En Galicia son poucos os sistemas que existen para detectar este gas. Os alumnos de As Mercedes investirán os premios que van gañando -antes do premio de cooperativismo xa gañaron o de Innovación, tamén da Xunta- en fabricar, en principio, dous tipos de sensores de baixo custe -medicións de radon no aire, 3 días; e medicións de radon absorbido polas persoas, 3 meses-, para colocar en vivendas.

Outro dos servizos que ofrecen é realizar un informe técnico de medidas e obras a realizar para reducir a presenza do gas, e control on-line do radon unha vez realizada a reforma. Ademais, a grande innovación é que deseñaron un sistema para reducir a presenza deste gas nas edificacións, mediante impermeabilización e ventilación, un sistema eficiente enerxeticamente, sen que isto provoque perdas de calor. Trátase, simplificando, de quentar o aire que entra co aire que sae, pero sen mesturalo.

Introdución no mercado laboral

Para poder facer realidade esta nova empresa contarán, ademais, co apoio do viveiro de empresas e do departamento de Formación e Orientación Laboral co centro lucense. Para os alumnos, esta é unha boa oportunidade de autoempregarse e introducirse no mundo laboral e, para o centro, supón «achegar as ensinanzas dun ciclo ao entorno laboral», unha finalidade á que cada vez se achegan máis no ciclo de Eficiencia Enerxética grazas ao traballo por proxectos.

Ao abeiro desta convocatoria de premios de cooperativismo, que o CIFP As Mercedes gañou xa en catro ocasións, alumnos do centro lucense crearon dúas empresas que seguen funcionando: sobre enerxías renovables e sobre certificacións enerxéticas de edificios.