Unha poxa para o esmendrelle en Lugo

LUGO CIUDAD

A historia da arte chega ao Gustavo Freire en clave de comedia co espectáculo «Coleccionistas»

22 may 2018 . Actualizado a las 10:01 h.

Domingo 3 de xuño • 20.00 horas • Auditorio Municipal Gustavo Freire • Lugo • Entradas: descuento del 30% en www.clicentradas.es/humor/384-coleccionistas-lugo.html, con entradas por 7 euros en el Bloque A. Entradas desde 10 euros en entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/varios/auditorio-municipal-gustavo-freire/8530--os-coleccionistas.html • 

Lugo acollerá o domingo día 3 unha comedia de altura. Unha verdadeira artistada, xa que a peza que dirixe Oswaldo Digón afonda, precisamente, na historia da arte e nas teimas dos seus coleccionistas, sempre dispostos a desfondar os seus petos nas poxas máis pechadas.

O subtítulo da obra, «A arte feita comedia», indica xa por onde van os tiros. Os espectadores de cada función converteranse, por unha noite, en afamados coleccionistas das mellores obras de arte, dispostos a participar nunha monumental poxa. Protagonizan esta aventura artística o propio director, Oswaldo Digón, Marcos Pereiro e Santi Romay. Os tres serán os responsables de conducir tan magno evento, describindo con todo luxo de detalles a historia, o anecdotario e o proceso de creación de cada un dos cadros da poxa, cando non a vida dos artistas que os crearon. Coleccionistas conta, ademais, coa música en directo do mestre Cristian Leggiero, que acompañará o relato de cada obra que escollan os asistentes.

Mercando un dos cadros

Porque o público tomará parte, realmente, na poxa, xa que poderá achegar a súa oferta para levar un dos cadros ao saír do teatro. O importe será destinado integramente a unha entidade social sen ánimo de lucro de cada unha das localidades que percorre a función. Logo do estreo na Illa de Arousa, estes Coleccionistas están percorrendo Galicia e chegarán o día 3 a Lugo.

Comedia e arte mestúranse, en definitiva, nun espectáculo para o esmendrelle, cheo de sorpresas, no que a importancia do que ocorre susténtase tanto sobre o escenario como nas butacas. A produción corre a cargo de Ainé Producións e toda a información atópase ao dispor dos interesados na páxina web www.coleccionistas.gal.