A Domus do Mitreo inicia unha nova etapa cunha xornada de portas abertas

LUGO CIUDAD

CARLOS CASTRO

O museo universitario lucense amplía o seu horario e abrirá de martes a domingo. Os primeiros mércores de mes a entrada será de balde

03 may 2018 . Actualizado a las 17:57 h.

A Domus do Mitreo estreou a súa nova etapa como museo universitario cunha xornada de portas abertas. O centro museístico lucense amplía dende o mércores 2 o seu horario de visitas e pasa a ser xestionado pola USC. As instalacións, tamén ampliadas, permanecerán abertas de martes a domingo, e o acceso será libre e de balde o primeiro mércores de cada mes.

A partir do mércores 2, o Museo Universitario A Domus do Mitreo estará aberto de martes a sábado de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00, e os domingos, de 11.00 a 14.00 horas. No verán, as visitas en quenda de tarde amplíanse ata as 21.00 horas. Tamén permanecerá aberto en varias datas festivas: o 24 de xuño, os días 25 e 26 de xullo, o 15 de agosto, o 1 de novembro e nas festas de Arde Lucus e San Froilán.

Interese polo patrimonio

Segundo explican desde a Universidade, a ampliación do horario de visitas desta instalación «responde á pretensión da USC de facer accesible a todo o mundo un museo universitario posto en marcha coa triple función de difundir e valorizar un dos xacementos romanos máis visitados da capital luguesa, fomentar o interese polo patrimonio e servir de impulso e promoción da cidade de Lugo a través da realización de estudos e investigacións sobre a súa historia».

O centro museístico, situado na Praza Pío XII, xunto á Muralla e fronte á Catedral, está estruturado en tres niveis, nun espazo duns setecentos metros cadrados, e constitúe un exemplo excepcional da historia urbana da cidade de Lugo.

Códigos QR

Neste centro agrómanse diversos restos arqueolóxicos cuxa interpretación permite coñecer a evolución da cidade.

Segundo relatan desde a USC, este museo preséntase divido en tres zonas, nas que o visitante poderá descargar diferentes códigos QR: «O vestíbulo permite coñecer as distintas fases polas que pasou o soar, o xacemento ofrece diferentes elementos da época romana que van desde a domus da época altoimperial, o pano da muralla orixinal e o templo mitraico, mentres que no primeiro andar é posible facer un percorrido pola historia de Lugo desde a Idade Media ata o século XX», detallan desde o Campus Terra.