Dez anos do banco de tempo, unha iniciativa que planta cara ao consumismo

Os participantes intercambian servizos e produtos, como alimentos, clases de idiomas ou traballos na horta

.

Lugo / La Voz

O Banco de Tempo de Lugo cumpre unha década e faino gozando de moi boa saúde, con cada vez máis participantes. Esta iniciativa de economía alternativa pretende ir máis aló do anecdótico e plantar cara á sociedade de consumo. ¿Como? Intercambiando servizos sen intermediación da moeda de curso legal, polo que os participantes resolven as necesidades da súa vida diaria sen que lles custe diñeiro. A unidade de intercambio de valor é a hora ou unha moeda virtual chamada xirín. É dicir, trátase dunha comunidade que, a través da web e dun grupo de correo electrónico, ofrece, demanda e intercambia servizos e produtos, e todas as habilidades teñen o mesmo valor.

Lucía Medina, coordinadora do Banco de Tempo de Lugo, explica que os servizos que se intercambian son moi variados, aínda que o sector da alimentación é o máis activo: «Case sempre hai algo, persoas que teñen horta e precisan axuda para traballala, polo que se forma un grupo de xente para colaborar; outras que teñen excedentes (noces, patacas...), outras que fan pan...». Pero tamén hai coidado de nenos, persoas que dan masaxes, outras que botan unha man coas novas tecnoloxías, intercambio de roupa, clases de idiomas, axudas puntuais para a casa, bricolaxe...

Empatía e valoración do esforzo

O perfil da xente que participa é moi variado, aínda que a maioría son novos ou de mediana idade: «Hai persoas ás que lles parece moi boa idea, pero teñen traballo, suficientes ingresos e, polo tanto, pouco tempo, polo que participan de forma puntual; e logo hai xente que ten unha situación económica máis difícil, pero dispón de tempo, polo que, ao ver que a experiencia lle resulta rendible, continúa», comenta Medina.

Pero para a coordinadora da iniciativa, o futuro e a importancia do Banco de Tempo van máis aló da rendibilidade inmediata: «Coido que ten unha gran potencialidade á hora de aprender a traballar en grupo, o que significa o apoio mutuo, saber que podes pedir axuda para algo en calquera momento e que case seguro que tes, rápido, respostas para o teu problema ou apoios de todo tipo, aprender empatía con esa persoa para estar disposta a axudala, pero á vez ver valorado o teu esforzo, porque se che recoñece o tempo que pasas facendo iso que che piden...».

E, a grande escala, tamén supón vantaxes: «Son das que penso que esta sociedade vai moi mal encamiñada tal como vai. Pero iso non é casual, hai uns intereses económicos moi importantes, que son os que a conforman, e as persoas, transformadas en meras consumidoras, estamos ao servizo deses intereses, que normalmente van en contra nosa. Pero a iso pódeselle dar a volta, porque se eses intereses dependen de nós para enriquecerse, entón precisamente temos todo o poder nas nosas mans para cambiar iso, basta con cambiar o noso xeito de consumir e de vivir. Pero hai unha gran parte da poboación que non ve isto ou que non quere velo porque lle parece que está cómoda na súa situación, ou que simplemente non cre que se poida cambiar. Hai outra parte que ve con bos ollos estas iniciativas; parécenlles bonitas, pero anecdóticas. E logo estamos as persoas que pensamos que un cambio concienciado de hábitos cambiaría a sociedade para mellor».

«O proxecto tardou en moverse porque á xente cústalle cambiar o chip»

A coordinadora actual do Banco de Tempo, Lucía Medina, foi tamén unha das impulsoras deste proxecto, que naceu no ano 2008 no seo da desaparecida Cova da Terra, onde se organizaban xornadas de economía alternativa e redes de troco: «O proxecto tardou en moverse porque á xente cústalle cambiar o chip e usar o Banco de Tempo antes que os euros (...) Ao principio, non se sabía de que ía isto, e aos lucenses gústalles ver as cousas funcionando antes de sumarse», explica.

A pesar das primeiras dificultades, a idea calou moi ben na sociedade lucense: «Eu son unha entusiasta do Banco de Tempo, pero é certo que a experiencia é moi boa, a progresión foi moi positiva», continúa. Como exemplo, o pasado mes de marzo houbo 65 intercambios, mentres que foron 11 en marzo do 2017, e 7 no 2016.

  Pedir custa máis que dar

Non se trata dunha asociación, senón dun grupo que se organiza de forma horizontal. Hai un coordinador, pero o dinamismo do grupo depende das persoas que o compoñen: «A principal razón de ser dun banco de tempo é pedir todo aquilo que necesitemos, en vez de saír a pagalo ao mercado, pero aínda entre as persoas que forman parte do grupo, pedir custa máis que dar. Por iso, ademais dunha páxina web, temos un grupo de correo que está sendo cada vez máis activo, fomentando os intercambios-doazóns de todo aquilo que non necesitamos. Tamén se ofrecen obradoiros, nos que podemos participar en grupo dun aprendizaxe».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Dez anos do banco de tempo, unha iniciativa que planta cara ao consumismo