Os osos que soltan no monte e outros mitos que cómpre combater

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Andoni Canela

As asociacións que impulsan o plan Life organizan xornadas informativas en seis municipios da montaña lucense

26 abr 2018 . Actualizado a las 09:45 h.

A Estación Científica do Courel acollerá o sábado -ás 18.00 horas- un encontro informativo sobre o plan Life de conservación do oso pardo na montaña lucense ao que poderán asistir todos os veciños interesados. Desde principios de ano, a Fundación Oso Pardo e a Asociación Galega de Custodia do Territorio, que desenvolven este proxecto, xa organizaron outras charlas deste tipo dirixidas a sectores concretos, como apicultores, cazadores e veciños de determinadas parroquias. Os impulsores do plan cren que o resultado destas iniciativas está sendo positivo. «A maioría das persoas que asisten a estas charlas móstranse a favor do proxecto cando se lles explica claramente en que consiste e cales son os seus obxectivos, e cando se lles aclaran as dúbidas que poden ter», explica o veterinario Óscar Rivas, técnico da segunda das referidas entidades. Estas son, segundo os organizadores, algunhas das cuestións que se abordan habitualmente nestes encontros.

¿De onde proceden os osos pardos?

Con respecto aos osos, apunta Ribas, corren rumores e mitos que tamén rodean aos lobos e outras especies salvaxes. «Hai persoas que nos preguntan sese están facendo soltas deliberadas de osos no monte, unha crenza que non deixa de ser normal nun territorio onde esta especie estaba desaparecida hai moitos anos», sinala. «O que facemos é explicar que os osos están expandíndose por si mesmos e sen ningunha intervención humana, debido ao crecemento que experimentaron nos últimos anos as poboacións das áreas veciñas de León e Asturias», agrega. Os expertos opinan que nos próximos anos se asentarán de forma permanente nos Ancares lucenses e que de aí se estenderán á serra do Courel.

¿Son un perigo para a seguridade das persoas?

Os promotores do plan Life tamén consideran comprensible que a presenza crecente dos osos desperte receos nos lugares onde os veciños aínda non está habituados a eles. «Pola experiencia que se ten na área cantábrica, onde hai unha poboación numerosa de osos, pódese afirmar que isto non supón ningún problema importante», explica Rivas. Ao seu xuízo, non hai razón para temer máis ao oso que a outros animais que estiveron sempre presentes neste territorio, como o xabaril e o lobo.

¿Poden atacar ao gando?

Nas áreas oseiras da cordilleira Cantábrica, sinala o veterinario,

os casos de ataques a reses son sumamente escasos e esporádicos. En caso de que se produzan, a lexislación prevé indemnizacións aos propietarios, como nos danos causados por lobos. «Os osos poden comer restos de animais mortos, pero non é nada habitual que ataquen directamente ao gando», di Rivas. O sector máis afectado pola súa presenza -continúa- é o da apicultura, e por iso está previsto protexer todos os colmeares do territorio con pastores eléctricos.

¿O plan de conservación afectará aos cazadores?

A posta en marcha do plan Life, indica Óscar Rivas, non implica ningunha modificación na actual normativa legal sobre actividades cinexéticas. «Non vai haber ningunha prohibición, poderase seguir cazando exactamente igual que agora, e o único problema que pode haber é que algún cazador chegue a disparar por accidente contra un oso ao confundilo cun xabaril», explica a este respecto. Para reducir este risco, as asociacións que impulsan o plan ofrecen aos tecores a posibilidade de limpar de maleza os lugares de caza máis habituais, a fin de mellorar a visibilidade.

¿Que vantaxes pode supor a presenza do oso?

Nas xornadas informativas organizadas dentro do plan Life sinálanse os beneficios económicos e sociais que pode supor a presenza dos plantígrados. «En territorios como Somiedo estase vendo que os osos poden constribuir a atraer visitantes e a impulsar o turismo, e que tamén son unha marca de calidade que lle pode dar máis valor aos produtos locais», afirma Óscar Ribas. «Hai que precisar que o oso por si só non vai solucionar todos os problemas que ten o medio rural da montaña lucense, que son moitos e moi complexos, pero si pode ser unha axuda», conclúe.