Universitarios lucenses entregan material que fixeron para a Once

La Voz

LUGO CIUDAD

CEDIDA

Son alumnos da Facultade de Formación do Profesorado

25 abr 2018 . Actualizado a las 21:01 h.

O decano da Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo da USC, Francisco Rodríguez Lestegás; a profesora responsables da materia Dificultades de aprendizaxe e trastornos de desenvolvemento, María José Fiuza, e o director da axencia administrativa da Once en Lugo, Roberto Doval Sánchez, participaron este mércores no acto de entrega á Once do material didáctico e educativo para a inclusión elaborado por estudantado de último curso do grao de Mestre/a de Educación Primaria dentro do proxecto de Aprendizaxe-Servizo (ApS) que se desenvolve no centro universitario en colaboración coa axencia da Once en Lugo.

A elaboración de materiais inclusivos para Educación Primaria na materia Dificultades de Aprendizaxe e Trastornos do Desenvolvemento impartida na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo xurde como resultado dun convenio de Aprendizaxe Servizo (ApS) no curso 2013-2014. Desde entón, a Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE) forma ao alumnado desta materia na adaptación e/ou creación de diversos materiais inclusivos (contos, maquetas, calendarios, xogos didácticos como tres en raia, etc.) que logo se doan á ONCE para a súa distribución nos centros educativos da provincia de Lugo.

Esta colaboración permitu xa a máis de 400 alumnos de Formación do Profesorado acadar unha formación inusual sobre esta discapacidade e obter unha visión da inclusión máis ampla, sinala María José Fiuza, quen califica de estimulante este proceso de aprendizaxe. Trátase dun proxecto, engade, que tamén mellora a contorna traballando na eliminación das necesidades detectadas pola ONCE, ampliando o seu concepto de escola e sociedade inclusiva e fomentando o desenvolvemento das súas competencias sociais e compromiso ético.

A través de préstamo temporal, explica esta docente, a ONCE permite que o alumnado universitario utilice material tiflotécnico como son as máquinas Perkins, recurso que permiten a produción do braille, para a creación ou transcrición de contos, que tamén se escriben en galego ou castelán (segundo a decisión de cada grupo). Os contos inclúen o texto en tinta seguindo uns parámetros fixados previamente para poder ser válidos para o alumnado que presenta unha perda visión leve ou moderada. Ademais, tamén se intercalan imaxes en relevo con diversidade de texturas para ser percibidas tactilmente polo alumnado con perda total de visión e con elementos en cor para que poidan ser observados polo resto do alumnado. Por iso trátase de material verdadeiramente inclusivo: son materiais para compartir, para todos (nenos e nenas con cegueira, con perda visual e con visión normal), salienta Fiuza.

Os contos realízanse na opción que o alumnado elixe, xa que pode realizar unha adaptación dalgún personaxe famoso entre os nenos como A patrulla canina, Peppa Pig ou  Pocolló, por citar algúns exemplos, e sintetizar o contido ou idear un novo para desenvolver conceptos abstractos como a amizade, o compañeirismo, etc. Doutra banda, tamén existe a posibilidade de, partindo dalgúns destes personaxes ou ideando outros novos, realizar un relato no que se traballan conceptos básicos de corte máis académico (tamaños, formas..). Todos estes materiais, ás veces, están tamén especialmente dirixidos aos nenos con sordocegueira.

Respecto á creación de maquetas, cómpre lembrar que se elaboran representacións de elementos cotiás, significativos..., pero imposibles de percibir por persoas con perda visual se non é a través dunha reprodución deste tipo, por exemplo o caso dun volcán, un campo de fútbol, unha estación de tren, etc. Este tipo de representacións favorecen, entre outras, a identificación das partes, as formas ou as proporcións, é dicir, contribúen á conceptualización dos elementos obxecto de estudo no currículo de educación infantil/primaria. En calquera dos casos, trabállase a cor polo gran poder de atracción que presenta para os nenos con visión normal e/ou con restos visuais, e préstase especial atención ás texturas, moi importantes para os nenos con cegueira e igualmente estimulantes para os demais nenos.

Neste curso académico o servizo solicitado pola ONCE céntrase na elaboración de contos, abecedario en código braille e en lingua castelá/galega e de xogos de parellas de números e letras. A implicación dos estudantes nesta experiencia solidaria favorece o desenvolvemento de competencias profesionais pero tamén de tipo persoal, fomentando a conciencia solidaria e ética, facéndolles membros activos dun mundo global. O traballo na comunidade axuda aos alumnos para recoñecer e reafirmar a súa vocación para a docencia e a ser máis conscientes das necesidades da comunidade. A formación integral do alumnado ha de incluír a posta en práctica de contidos teóricos pero tamén debe facer un esforzo por promover valores como a solidariedade e a responsabilidade.