As carpas, un bon «entroido» no peor sentido da palabra

miguel cabana. LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

oscar cela

Ademáis do pésimo efecto estético, é un delito atalas a un BIC como a consistorial

14 feb 2018 . Actualizado a las 10:41 h.

Unha das acepcións da palabra entroido é: «Persoa que en xeral anda vestida de maneira descoidada ou ridícula». Pos iso son as carpas colocadas polo Concello de Lugo diante da consistorial. Unha cousa moi mal vestida, ridícula, pero que ademais vulnera a lei: é ilegal.

Atar os tirantes dunha carpa ás columnas da consistorial é ilegal porque é un monumento BIC. Quizabes a quen así actúa haxa que explicarlle esa sigla: «Ben de Interese Cultural». Ese monumento, por tanto, ten unha protección especial, e usalo para enganchar ou sustentar chiringuitos plástico-metálicos é un delito. Menos mal que os de cultura da Xunta deben ter o mesmo grado de dilixencia que os de cultura do Concello, porque senón terían actuado. En ambos casos a palabra cultura vai con minúsculas por razóns obvias.

Pero ademais de atar o artefacto ás columnas do pazo, tamén usaron as bases dos farois para o mesmo fin. E cravaron ferros no chan para fixala, no canto de poñer os habituais contrapesos.

E para máis desgraza, contrataron unha iluminación ornamental na balconada do concello, que quedou tapada pola carpa.

En fin, un entroido no peor senso da palabra, que da idea do pouco respecto que se sinte polos monumentos, e do pouco sentido da imaxe, e da estética no departamento da cultura.

Debería o goberno chequear os conceptos para os vindeiros anos antes de facer estas montaxes, máis propias dun chiringuito para vender verzas e cachuchas nunha feiriña de entroido dun sitio recóndito, que da praza maior dunha cidade que ten declarados varios patrimonios da humanidade.