Recadación

Xulio Xiz TRIBUNA

LUGO CIUDAD

13 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Todos recibimos chamadas diversas, para recabarnos opinións sobre política ou vivenda, hábitos comerciais ou vacacións. Entre elas, teño unha garantida de enquisa de satisfacción cada vez que levo o coche ao taller da marca, na que habitualmente dou as mellores cualificacións. Pero sorprendeume recibir unha chamada do Concello de Lugo. Resulta que por un recibo que se me despistou, tiven que ir á Recadación Executiva do Concello, dependencia á que non resulta agradable acudir porque ademais de ter que pagar cantidades que sempre nos parecen excesivas, os recibos traen o correspondente recargo. Máxime no meu caso, que encontrei un venres un aviso indeterminado da Executiva, e pasei toda a fin de semana cavilando cal sería a miña falta administrativa, pois este tipo de avisos sempre me poñen garda.

Cheguei, paguei, atendéronme ben, e funme. E ao día seguinte, desde o teléfono 255281, chámanme para preguntarme -para que o Concello saiba como saen os lucenses da oficina Executiva- que recordo gardo da experiencia, se me informaron ben, se todo resultou axeitado, e que nota lle poñería de cero a dez. A miña interlocutora animouse tanto cando lle dixen que fóra ben atendido que supuxo que sería un dez; eu deixeino nun oito, que non está nada mal para unha oficina onde un vai sempre de mala gana.

Foi unha enquisa breve, sorprendente. Ben está que se preocupen por como saímos os lucenses dunha oficina así. Pero hai que ter moito optimismo para pensar que unha oficina executiva -aínda as de recadación!- vai ter un dez de nota, por moi boa cara que poñan os funcionarios.