Lara Méndez: «Non podo deixar de traballar porque mañá teña unha moción de censura»

Xosé Carreira LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

oscar cela

A rexedora advirte: «A oposición nin se pon de acordo nas cousas máis importantes para a cidade»

04 feb 2018 . Actualizado a las 22:47 h.

A menos de ano e medio das vindeiras eleccións, Lara Méndez, a alcaldesa socialista de Lugo, embálase, aínda logo de ter perdido a cuestión de confianza. As críticas da oposición esvaécense cando esta non é capaz de chegar a acordos claves como, por exemplo, unha moción de censura. A maiores, hai grupos que non parecen pasar polos mellores momentos.

-Parece que vai camiño de repetir na alcaldía...

-Vou traballar para seguir sendo alcaldesa e acabar os proxectos iniciados. Logo, os que teñen a última palabra son os cidadáns. Traballamos para cumprir o programa electoral co que nos presentamos e incluso para melloralo. Eu sempre apelo á responsabilidade; esíxoa á oposición, pero tamén a exerzo eu aínda que iso supoña deixar de tomar algunha medida populista ou obter un bo titular.

-Como se vive sabendo que os contrarios non son capaces de poñerse de acordo para levar a cabo unha moción de censura?

-Son tranquila por natureza, o cal é unha virtude para poder priorizar no importante, que é Lugo e os seus cidadáns, a pesar desa situación complexa e desa pluralidade que, ás veces, dificulta o día a día. Non podo traballar a expensas do que mañá teña unha moción de censura porque esa posibilidade vai estar presente en todo o mandato. Nós somos 8, e eles, 25. Hai seis forzas políticas que, se se queren aliñar para buscar unha alternativa, terían capacidade. Que ocorre? Que a oposición non é capaz de poñerse de acordo nas cousas máis importantes para a cidade. É incrible que, mes tras mes, estamos nos plenos aprobando iniciativas boas para a cidade e logo a oposición vote contra delas, do que mesmo propón. Mesmo din que hai parálise cando non os permiten aprobar o instrumento que nos dá a capacidade de actuación. Esixen obras e non facilitan as partidas orzamentarias para a execución.

-Logo de dous anos de mandato, ten moitos proxectos; pero que é o que a cidadanía pode ver da súa obra?

-Os compromisos son por catro anos. Cando me presente á veciñanza para dar conta do noso contrato, do noso programa electoral, creo que poderemos falar dun alto grado de cumprimento. E que vai visualizar o cidadán? A captación de 22 millóns de fondos europeos. Logo verá iniciadas moitas actuacións; finalizadas, ao mellor non, porque moitas veces é imposible rematar nun só mandato actuacións que o traspasan. Creo que van ver os apartamentos disuasorios, o ‘párking’ do HULA, a peonalización e a cuberta de Quiroga Ballesteros (se non hai feitos que o impidan porque temos relacións con outras administracións que, ás veces, poñen atrancos), a praza da Milagrosa peonalizada, o tapón da avenida da Coruña suprimido, ascensores nas Fontiñas e no Sagrado Corazón, a biblioteca-centro social da Piringalla, plan de mobilidade do centro, conexión do casco histórico co Miño, a pasarela do Anxo Carro, o paso soterrado baixo a N-VI, 16 quilómetros de rutas de bici... Veremos como se vai implantando ese modelo de cidade do que falamos dende o inicio do mandato. Agora todas as medidas poden verse como algo illado, pero é importante facer pedagoxía para ir a un cambio de mentalidade. Lembro que cando se peonalizou o casco histórico d cidade, o rexeitamento do comercio foi importante.

-Novo modelo de cidade cun servizo de transporte urbano ineficiente e cun ‘malgasto’ terrible polo Concello. Dígame a verdade: que man negra hai detrás para que no sexan capaces nin de dar a coñecer os horarios?

-Non hai man negra, e a min as teorías de conspiración non me gustan. Intento evitalas. Non comparto o que vostede di. Como socialista e muller progresista de esquerdas, non considero que se malgaste nun servizo público, a pesar de que sexa un importante esforzo para as arcas municipais. É certo que é deficitario e non funciona como debera, e niso estamos. Ás veces implantar un novo modelo costa, e imos con retraso. Nunca tiven problemas en recoñecer equivocacións ou atrasos. Os servizos implicados na mellora como, por exemplo, Infraestruturas están sobrecargados de traballo porque levan o peso doutros moitos proxectos. Non hai mans negras detrás máis aló das que queira ver a oposición. Confabular parece que ten réditos políticos, pero non vou entrar. Nós, dende a seriedade, admitimos os erros. Tratamos de implantar un novo sistema que non podo ver como deficitario; mellorable, sempre.

-Falou vostede de servizos do Concello ateigados de traballo. A oposición da a entender que os traballadores entran traballar cando lles peta porque non hai un sistema para fichar...

-Dicir que non se sabe nin a que hora entran nin á que saen é tanto como dicir que os xefes de servizo non teñen control. Os políticos non somos gardiáns de facer cumprir horarios; enténdaseme ben: como políticos, temos a responsabilidade de todo, pero neste caso hai uns xefes de servizo. Sería imposible que oito persoas fixésemos o seguimento das 700 que entran a traballar en quendas, en horario de tarde... Está estruturado, hai varias xefaturas que se encargan do control. Evidentemente, a situación é mellorable cun sistema de fichaxe. Hai tamén outra realidade: a falla de persoal nos servizos. Levamos tempo intentando cubrir as prazas; pero é complexo, entre outras razóns, pola lei tan prohibitiva de racionalización que nos impuxo. e nos segue impoñendo, o PP aos concellos aínda tendo as contas saneadas e sendo os que estamos a baixar a débeda do Estado.

-En que foi a Madrid visitar ao presidente de ADIF e tamén a Fitur?

-En coche...

-E logo, por que non foi en tren?. Se non viaxamos, vai ser difícil reclamar a alta velocidade...

-Non fun porque non temos un tren que permita viaxar en tempos razoables. De ser así, sería máis económico. O que hai que ter é horarios competitivos. Por iso reivindicamos o AVE a Lugo. Como a cidade quede excluída deste investimento, posiblemente quede para sempre, por cuestións de custes. Por iso esiximos a intermodal. A onde chega a Lugo se non temos intermodal? Eu recibiríao diante do Concello, pero é inviable. Necesitamos intermodal.