«Non se ven moitas mulleres instrumentistas ou arranxistas»

Xiana Lastra, vocalista de A Banda da Loba, un grupo que actúa este sábado en Lugo


Xiana Lastra é a vocalista de A Banda da Loba, un grupo galego integrado por cinco mulleres que presenta o seu primeiro disco, Bailando as rúas, este sábado en Lugo. O concerto será no Clavicémbalo á medianoite. A entrada custa 5 euros.

 

-¿Como nace o grupo?

-O grupo tardou en formarse porque nace dun proxecto anterior que comezaramos algunhas de nós e que non saiu adiante, pero como nos gustaba traballar xuntas, decidimos seguir facendo cancións. Hai ano e medio que vimos traballando no repertorio do primeiro disco, que acaba de saír á luz.

-Música para un amplo espectro de público, sen un estilo definido, ¿non si?

-O noso repertorio é como un caleidoscopio musical porque ten moitas cores diferentes, bebe do pop, do folk, o rock, o country... hai estilos variopintos na nosa música. Pero, ao mesmo tempo, ten unha sonoridade característica, todo soa á Banda da Loba.

-¿A muller galega está cobrando por fin protagonismo na música galega?

-Aínda ten que cobrar máis. Estamos acostumadas a ver mulleres vocalistas, cada vez máis como compositoras, pero non tanto como arranxistas ou instrumentistas, hai pouco oco aínda a día de hoxe e é necesario reivindicar ese espazo para as mulleres. E tamén queremos, no eido musical e poético, acercar a poesía ao gran público porque a combinación de poesía e música cobra máis forza xunta.

-Musicades poemas propios e de autoras recoñecidas.

-Temos un pouco de todo: de Celso Emilio, Rosalía de Castro, pero tamén de autoras contemporáneas, como Rosalía Fernández Rial ou Celia Parra.

-A Banda da Loba vende talento e creatividade, non «carne»...

-Si, e queremos animar á xente a non ter medo a crear, a facer cousas novas; parece que se nos esixe moito máis á muller que ao home e iso bótanos moitas veces para atrás.

-¿Como foi o proceso de edición e produción do disco?

-Foi autoproducido a través de Seispés Producións Creativas, da que eu formo parte. Para a parte musical, contamos con Adrián Saavedra, un gran profesional, e coa colaboración de Guadi Galego e das Tanxugueiras, para dúas cancións.

-¿Como é a banda en directo?

-Gústanos moito, é a mellor parte. Ter o disco nas mans está moi ben, pero apetece mostrarlle o traballo á xente enriba do escenario; ese é o único sitio onde es capaz de plasmar todo e conectar co público. A montaxe e as composicións dos temas tamén nos gusta moito porque facemos todo en grupo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Non se ven moitas mulleres instrumentistas ou arranxistas»