Luis Álvarez: «Non está nos meus plans repetir como secretario xeral do PSOE de Lugo»

e. g. souto LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

kike

Álvarez recoñece que, na convulsión que sufriu o partido, non conseguiu alcanzar os obxectivos que se marcara

31 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa está decidido: non optará a reelección como secretario xeral da agrupación do PSOE no municipio de Lugo, cargo que desempeña desde 2012. Luís Álvarez Martínez (El Franco-Asturias, 1963), ex delegado provincial de Educación, exconcelleiro e deputado autonómico, fai balance e conclúe que non conseguiu os obxectivos que se marcou para a xestión do partido na capital lucense. É consciente de que a non consecución dos proxectos que tiña para o PSOE lucense está plenamente relacionado coa «convulsión» vivida polo partido, que, pese a todo, non perdeu militantes no ámbito da agrupación local. Licenciado en Matemáticas e diplomado en Ciencias Físicas, Álvarez é inspector de Educación e recoñece que é con estes asuntos cos que mellor o pasa no Parlamento, aínda que todas as súas propostas tropezan con muro da maioría do PP: «Non deixa pasar nin unha».

-Leva desde 2012 como secretario xeral do partido en Lugo. E non ten intención de seguir...

-Así é. Non entra nos meus plans optar de novo á secretaría xeral. Nestes cinco anos non fun capaz, por distintos motivos, de levar a cabo o proxecto de funcionamento que tiña para agrupación socialista de Lugo. Quería cambiar a dinámica de funcionamento. É certo que ten que ver coa dinámica catastrófica na que entramos a partir da dimisión de Gómez Besteiro. A partir dese momento, o partido empezou a convulsionar e as prioridades xa eran outras. Eu creo que agora vai cambiar a realidade do partido; todas as batalla orgánicas están dadas por fin.

-Cal é o estado da agrupación local neste momento?

-Vexo ao partido aquí bastante desactivado por todo isto que pasou. Está todo por reactivar e o novo secretario xeral ten que xerar ilusión e cambiar a dinámica de funcionamento.

-As incidencias ocorridas ao longo de tantos meses, provocaron perda de afiliados no municipio de Lugo?

-Non. Non baixou a afiliación. Estamos ao redor dos 450 militantes. Non é certo, como alguén parecía que quería facer ver, que houbera unha desbandada de afiliados.

-Que espera que ocorra no ámbito provincial despois do recente congreso, con Álvaro Santos na secretaría?

-Estou convencido de que o partido vai empezar a andar, estou seguro de que as cousas van cambiar para ben. A executiva agora ten as condicións, que non se daban no caso da xestora, para xestionar o partido e se hai falta de actividade, será achacable a ela. Vai haber cambios, porque, ademais das asembleas abertas, vai haber un contacto moito máis intenso coas agrupacións locais e coa cidadanía en xeral. Por certo, tamén convén dicir que é totalmente falso ese mensaxe simplista que algúns se empeñan en difundir e que máis ou menos di que o PSOE está máis cerca do PP que da esquerda. Estamos nun momento de mensaxes simplistas e, por iso mesmo, moitas veces falsas, como é o caso. A Ricardo Varela escoiteille dicir nunha ocasión: «Jack El Destripador e eu compartimos o gusto polas setas, pero somos distintos». Creo que é un exemplo significativo do que digo. Somos a alternativa de goberno ao PP, e en Lugo gobernamos desde 1999.

-Foi concelleiro e é deputado. En que papel se sinte mellor?

-Como concelleiro aprendín moito; foi unha etapa moi intensa. Como concelleiro hai unha visión moi directa e inmediata dos problemas, e moitos deses problemas precisan solucións urxentes. Isto é algo que non ocorre nos tempos parlamentarios, son moito máis dilatados. Por outro lado, no Concello formaba parte do goberno; no Parlamento estou na oposición.

-Como cre que perciben os cidadáns a xestión do goberno presidido por Lara Méndez?

-Eu creo que ven que o Concello funciona con normalidade pese ás dificultades políticas que ten que superar a alcaldesa; non llo están poñendo fácil. O do PP é case para tomalo a broma.

«O novo secretario xeral terá que xerar ilusión e cambiar a dinámica de funcionamento»

«Estou convencido de que no ámbito provincial as cousas van cambiar

para ben»