Luís Valle: «As horas de silencio que ten o día son moi boas para a actividade creativa»

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

SANDRA ALONSO

O escritor lucense acaba de publicar «Para que eu beba», o seu undécimo poemario

20 dic 2017 . Actualizado a las 09:47 h.

Tanto prepara un resumo de prensa como experimenta coa fotografía dixital. E mentres publica poemario tras poemario. Van xa once, varios deles premiados, e neste último, Para que eu beba, Luís Valle (Lugo, 1977), dialoga coa vida e a morte nunha obra dedicada ao seu pai, que faleceu recentemente.

-¿Como é este último libro?

-É unha obra escrita en mónadas, en versos cortados, que temática e estilisticamente continúa un liña de escritura que inaugurei hai nove ou dez anos cun poemario que se chamaba Fedor. Esta é a terceira parte dunha obra maior que se titulará Os froitos negros e que incluirá Fedor, As cicatrices do Sol e este Para que eu beba. Hai proxectos que pola súa ambición e a súa extensión son imposibles de crear e publicar dunha soa vez, polo que a idea e ir dándoos ao prelo parcialmente porque teñen unidade en si mesmos, pero todos os libros dialogan tamén entre si e ten sentido no seu momento tratar de sacalos unitariamente.

-É un autor frutífero, ¿hai un ritmo para escribir?

-Levo once poemarios individuais, máis ou menos un cada dous anos. O que pasa é que os ritmos da escrita non coinciden cos da edición, e pode ser que un ano saian dous libros e leves tres ou catro sen publicar, algo que é bastante frecuente.

-Non vive da poesía, ¿ten necesidade dela?

-Si, basicamente é unha cuestión íntima, unha elección persoal desde practicamente os dezaseis anos nos que comecei a ler e escribir cunha vocación autoral, intentando aprender primeiro a ter unha voz propia e que despois fose medrando e me permitise expresar o que eu entendía en cada momento que tiña que expresar, ese é o proceso. Escribo todo os días e leo moito tamén.

-¿Leva unha rutina?

-Si, escribo todos os días, normalmente madrugo bastante e déitome bastante tarde, durmo menos, pero as horas de silencio, a última do día a as primeiras da mañá, son horas moi boas para a actividade creativa no sentido de que hai silencio, tranquilidade e non tes outros estímulos externos. O silencio tamén é unha cousa moi boa para escoitarse a un mesmo.

-Tamén pinta, ¿combina poesía con pintura ou cada faceta vai polo seu camiño?

-Van bastante polo seu camiño. Ao principio, no meu primeiro libro había unha serie de ilustracións interiores que fixen eu mesmo, eran unhas tintas chinesas. Parte da miña formación vén dunha lectura bastante completa de toda a tradición surrealista europea e americana, polo que ese concepto de libro total, de obra de arte global, parecíame moi interesante cando tiña 19, 20 ou 21 anos. Pero a pintura ten uns ritmos moi diferentes e uns condicionantes tamén distintos. Ter aberto un estudio é complicado tendo outro traballo, mentres que a escritura podes facela practicamente en calquera circunstancia vital. Agora levo un aniño interesado pola fotografía e estame dando bastantes satisfaccións, evidentemente aínda estou empezando a experimentar e a aprender un mundo moi complexo como é o da fotografía dixital.

-¿E agora mesmo?

-Estou escribindo tres libriños novos. Sempre traballo con dous ou tres proxectos distintos para intentar non obsesionarme demasiado cun libro porque é sinxelo bloquearse. Estou traballando nestes tres e probablemente o ano que vén verán a luz dúas traducións de obras miñas ao castelán, unha é autotradución, e a outra estana facendo José Luis Calvo Vidal, un poeta que agora vive en Granada, e Federico de Arce, outro poeta moi interesante.

O protagonista. Luís Valle, poeta e licenciado en Humanidades no campus.

A súa obra. Acaba de presentar «Para que eu beba», o seu poemario número once. Aínda que a maioría dos seus traballos están en galego, ten cinco libros en castelán. Gañador do III Premio Lueiro Rey de poesía no 2015, por «As cicatrices do Sol».