«Esperamos que os cambios na área sanitaria non nos afecten»

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

LUGO CIUDAD

ROI FERNÁNDEZ

O único colectivo do sur lucense dedicado aos pacientes oncolóxicos cumpre o seu primeiro ano

14 dic 2017 . Actualizado a las 12:56 h.

María Jesús Rodríguez López preside a asociación Chantada contra o Cancro, que iniciou a súa andaina hai agora un ano cun concerto solidario. O colectivo conta con cerca de 150 socios e está aberto aos veciños de todo o sur lucense afectados por estas doenzas.

-¿En que consisten as actividades que está desenvolvendo a súa asociación?

-Dependen sobre todo do que nos vai pedindo ou suxerindo a xente. Por unha parte, ofrecemos asesoramento e axuda ás persoas enfermas e ás súas familias. Para iso contamos con varias persas que colabora connosco de forma voluntaria e desinteresada, como unha psicóloga que axuda a afrontar estes problemas aos afectados. Ela traballa noutra comunidade autónoma, pero vén regularmente a atender consultas. Tamén ofrecemos charlas informativas sobre aspectos como a nutrición ou os coidados paliativos que son impartidas por unha médica e unha oncóloga. Contamos cun perfil de Facebook para difundir as nosas actividades e para que as persoas que o desexen poidan contactar con nós.

-¿Dispoñen dun local propio?

-Si, o Concello cedeunos un baixo nun edificio municipal do parque Eloísa Rivadulla. Alí temos unha serie de libros de interese para os enfermos de cancro, como receitas de cociña recomendadas para estes pacientes, que ofrecemos en préstamo. Alí tamén son atendidas as consultas dos que o solicitan. Nos meses de bon tempo abrímolo todos os venres, pero durante o inverno o utilizamos dunha forma menos continuada, porque o local non conta con calefacción e só ten un radiador eléctrico.

-¿Reciben suficiente axuda para as súas actividades?

-Por agora a xente está colaborando moi ben e contamos coa axuda de moitas persoas. Recibimos axudas do Concello, dos empresarios, de moitos voluntarios.... Temos que agradecer todos os apoios que nos prestan. A xente está moi sensibilizada porque hai moitas persoas que sufren estas enfermidades.

-¿Entre os seus socios hai preocupación polos cambios que pode haber na área sanitaria?

-Non sabemos aínda o que poden supoñer eses cambios e esperamos que non afecten á atención que reciben os doentes deste tipo. Antes había que ir a Lugo para recibir quimioterapia e desde hai tempo vense ofrecendo ese servizo en Monforte. Se esta atención se deteriorase, teríamos que pensar en mobilizarnos.

«Temos que agradecer os apoios que estamos recibimos por parte de moita xente»