«A libraría non me dá para vivir»

Dolores Cela Castro
dolores cela LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

ALBERTO LOPEZ

O modelo para mercar libros cambiou coas descargas de Internet e a venta «on line»

08 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ángela Valdés Barro puxo en marcha en xaneiro do 2015, coa axuda incondicional da súa nai, a libraría Gato Neghro, en San Roque. Tres anos despois vese na obriga de poñer fin a este proxecto co que camiñou da man de autores, lectores e amigos porque no lle dá para vivir, segundo ela mesma confesa. O 30 de xaneiro baixará o enreixado e comezará unha nova traxectoria profesional, logo dunha liquidación con descontos de ata o 30%. Non sabe moi ben onde, pero a esta traballadora social gustaríalle que fora no ámbito da cultura.

-Unhas abren, outras pechan. ¿Cando cerra o Gato Neghro?

-Si. Unhas abren e outras pechan. Cando puxen en marcha a miña libraría cerraba Souto. Estamos en proceso de liquidación e estaremos funcionando todo o Nadal. O 30 de xaneiro deixarémolo definitivamente.

-¿Por que pecha?

-Unha libraría é un tipo de negocio que necesita o seu tempo para consolidarse e para empezar a dar beneficio, aínda que pasado ese tempo ninguén che asegura que vaia ser desa maneira. Tres, como é o meu caso, non son suficientes para despegar. Nós estamos nun sitio que está algo agochado, pero o aluguer no centro é impensable e non xerábamos o suficiente como para manternos.

-¿Unha libraría non dá para vivir?

-No meu caso non. Nin para vivir unha persoa. A miña idea era contratar a outra aínda que fora a tempo parcial, pero non deu tempo. O traballo que dá unha libraría e grande. ¡Ninguén pode imaxinar canto! Tes que seleccionar os libros, as serigrafías, poñerte en contacto cun montón de xente e manter activas as redes sociais porque hoxe é imposible funcionar sen elas. Tes que atender aos clientes, deseñar o escaparate, coordinar actividades. É certamente esgotador. En outono decidimos pechar porque xa non dá para máis.

-¿É tan complicado manterse hoxe?

-É un mundo moi complicado porque tes que atraer á xente, que confíen en ti, cando hai todo un mundo paralelo en Internet, onde se pode mercar o que se queira. Nos libros non é que sexan máis baratos porque os prezos son pechados. Pero, Amazon, por exemplo, aplica directamente o desconto do 3% que se nos permite xa directamente. Está claro tamén que a xente non pode gastar tanto en libros coma noutras cousas. O problema está na competencia e no cambio nos patróns de consumo. Tamén teño que dicir que un bo lector agarda sempre por un libro.

-¿Como selecciona os libros?

-Publícanse 30.000 libros ao ano en España, que é un dos países nos que máis se publica e menos se le, ou nos que menos se merca porque non se teñen en conta as descargas gratuítas por Internet, onde hai moito libro de balde de todos os tipos. Empezamos a seleccionar dende o que nos gusta. O primeiro criterio son os libros e os autores que nos parecen máis interesantes e que teñan certa calidade literaria, que destaquen dos outros. Procuramos traballar con editoriais non moi grandes e con propostas distintas.

-¿Non tería futuro especializándose no libro infantil?

- É un dos piares fundamentais. De feito, na liquidación están voando. O mundo infantil está experimentando un momento excelente, en todo os sentidos, pero máis que nada na calidade das ilustracións. En Lugo xa hai una libraría especializada en público infantil, que é moi boa. Ao meu modo de ver, o libro obxecto ou ilustrado ten moitas posibilidades porque non compite co dixital. É imposible que o faga. Non ten as mesmas posibilidades; por iso creo que o libro físico non vai morrer. Sempre lle quedará esa diferenciación.

-¿Como reaccionaron os seus clientes?

-A maioría da xente di que lle dá pena. Moitos desgústanse, pero entenden que teñamos que facelo. Hai moitos que me din que viñan ao Gato Neghro porque sempre acertaba nas recomendacións.

-¿En que lle gustaría seguir a unha traballadora social que ten experiencia agora no mundo do libro?

-Gustaríame poder seguir traballando no mundo cultural e a poder ser, no do libro ou na xestión cultural. Nos momentos nos que vivimos a cultura e a parte social son as que máis sofren.

«O problema deste negocio está na competencia e no cambio de patrós de consumo»

«O libro obxecto ou ilustrado ten moitas posibilidades porque no pode competir co dixital»