O Museo Diocesano achega de balde ao público arte e historia

LUGO CIUDAD

ALBERTO LÓPEZ

Haberá tamén dúas visitas guiadas gratuítas, ás 12.00 e ás 17.00 horas

14 nov 2017 . Actualizado a las 10:11 h.

Arte e historia ao alcance de todos. Ese é o obxectivo que se marcou o Museo Diocesano Catedralicio de Lugo ao sumarse á celebración do Día do Patrimonio, que terá lugar este xoves día 16. Baixo o lema Coñece, coida e comparte, o museo lucense participa co Consello da Cultura Galega e outras «institucións da memoria» para «visibilizar o legado patrimonial galego» cunha serie de accións.

Este xoves, o Museo Diocesano abrirá as súas portas de balde para toda a cidadanía. Ademais, haberá dúas visitas guiadas á exposición permanente a cargo da dirección técnica. Tamén serán gratuítas e terán lugar ás 12.00 e ás 17.00 horas.

O museo, situado na Catedral de Lugo, repasa o patrimonio galego desde a Prehistoria ata o século XX, con medio milleiro de pezas, entre as que destaca o Crismón de Quiroga, do século IV.

Quen non se poida achegar este xoves, o museo pode visitarse de martes a sábado de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. A entrada custa 5 euros para o museo e o claustro (3 euros para mozos, estudantes, grupos... e gratis para os menores de 8 anos); 5 euros para triforio, fachada principal e torres; 10 euros para o museo, claustro, triforio, fachada principal e torres; e 2 euros para o claustro.