Sacra Ribeira

Xulio Xiz TRIBUNA

LUGO CIUDAD

14 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Algo debe de estarse facendo ben na Ribeira Sacra para que este forte e fermoso anaco de mundo que Lugo comparte con Ourense estea tan de actualidade.

O último compás, por agora, desta cantata magna abrollou a pasada semana a través da TVE1, cando un programa de máxima audiencia ? Master Chef Celebrity- apousou en plena Ribeira para facernos partícipes dunha aventura gastronómica que, percorrendo España, tivo no sur lucense espléndido lugar para falar e ver excelencias gastronómicas, paisaxísticas… paz e fermosura nun pequeño mundo incrible que os monxes medievais decidiron sacralizar pola auga, pola terra e polo viño.

Antes, un programa de Jesús Calleja xa nos tiña falado de viticultura heróica, de paisaxes imposibles, de traballos comparables aos de Hércules… e a novela gañadora do Premio Planeta 2016, Todo esto te daré, de Dolores Redondo, elixiu á Ribeira Sacra para desenvolver unha historia de amores e desamores, de intriga e fidelidade, de misterios e de viño nunha especial xeografía física e humana do sur lucense que a través desta novela se asoma xigante ao mundo literario como escenario histórico e lendario, o mesmo ca os seus viños fan que apareza en lugar de honra diante das xentes de todo o mundo que sente -sentimos- devoción polos viños con alma, recibida das uvas colleitadas con ledicia dolorosa en lugares inconcebibles, e dunha xente que traballa -sangue, suor, sorrisos- terras que ruben aos ceos.

Moito se debe estar facendo ben na Ribeira Sacra para un despegue tan vertical como os seus empinados bancais.