«Lugo está moi vivo no ámbito musical»

LUGO CIUDAD

ALBERTO LÓPEZ

Un concerto mañá no centro de música Fingoi servirá para festexar o quinto aniversario da tenda

01 nov 2017 . Actualizado a las 17:12 h.

Santiago Noriega (Viveiro, 1968) é o propietario da tenda de instrumentos musicais Musical Allegro, de Lugo (Avenida Vila Verde, 27), que acaba de cumprir cinco anos de vida. Con motivo deste aniversario, organizou un concerto para mañá. Actuará Lucus Ensemble -grupo do que Noriega tamén é membro- ás 19.30 horas no centro de música Fingoi, que ademais inaugurará a súa nova aula de audicións, na que terá lugar este concerto.

-¿Que tipo de concerto ofrecerá mañá Lucus Ensemble?

-O programa é fundamentalmente de música americana, moi divertido. Haberá temas de Paquito d’Rivera (Contradanza, Vals venezolano), clásicos como George Gershwin (Cuban overture) ou Aaron Coplan (El salón mexico), e acabamos con Astor Piazzola (Milonga del ángel, Libertango). Trátase de música do norte e do sur de América. A selección xurdiu dun xeito moi simbólico para nós e supón un repertorio non moi longo, pero si denso e moi entretido.

-¿Que outros actos teñen programados?

-Imos ter tamén a actuación dun dúo, pero a data aínda está sen confirmar.

-¿Que tipo de servizos ofrecen en Musical Allegro?

-Fundamentalmente é unha tenda de venda e reparación de instrumentos musicais, partituras e accesorios. Pero queremos ir máis alá e convertela nun lugar de reunión de músicos. De feito, veñen músicos e profesores a probar o novo material, hai charlas musicais, ensaiamos con Lucus Ensemble, vén xente ver os ensaios... Por iso, Musical Allegro é tamén o fogar de Lucus Ensemble, grupo que creamos hai tres anos, é onde ensaiamos, é tamén un foco de música.

-¿Como se decidiu a abrir a tenda?

-Eu son clarinetista, levo desde os 8 anos dedicado á música, toda a vida. Empecei na Banda de Viveiro e sigo neste mundo. Hai cinco anos, por distintas circunstancias, tiven que reinventarme e apetecíame abrir unha tenda de música, algo que fixen realidade o 16 de outubro do 2012, e con ela sigo. Abrín no peor da crise, pero creo que non foi tan mal.

-¿Como ve a situación do sector musical en Lugo?

-Lugo está moi vivo no ámbito musical. A Escola Municipal de Música de Lugo, a pesar de ofertar moitas prazas, ten unha longa lista de agarda, o Conservatorio de Música está en máximos de matrícula, as escolas privadas tamén teñen moitos alumnos... e a iso hai que sumar todas as iniciativas que hai polos municipios próximos, como a Escola de Música de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei. Así que creo que a música esperta moito interese en Lugo.